Anova apela ao diálogo para concorrer ás eleccións “cunha papeleta que dispute a hexemonía a Feixoo”

A Coordinadora Nacional de Anova renovou este sábado a súa comisión permanente, na que Antón Sánchez volve ser portavoz nacional e que conta co ex alcalde de Santiago, Martiño Noriega, como novo responsábel de relacións políticas. O obxectivo, iniciar "xa" o diálogo con forzas á esquerda do PSOE para "disputar a hexemonía" ao PPdeG nas eleccións galegas de 2020.
 
2019122118444288049
photo_camera Antón Sánchez, Oriana Méndez e Martiño Noriega (Anova)

“Imos tentar que haxa unha papeleta en condicións de disputar esa hexemonía, pero de calquera maneira estaremos nesa cita, porque entendemos que é fundamental para o futuro do país”, advertiu Sánchez, que marcou como retos "o diálogo á esquerda do partido socialista" e tamén o de estabelecer “desde xa” unha axenda de iniciativa política “que interpele a todas esas mulleres e homes que nestes anos participaron na unidade popular, colectivos locais e municipalistas, que carecen a nivel nacional unha referencia”. “Imos traballar con eles en artellar unha alternativa republicana e galega” salientou.

Preguntado sobre posíbeis conflitos con outras forzas do espazo, o líder da formación nacionalista apelou a "mirar cara ao futuro". “Para transformar realmente as políticas -na Galiza- fan falta a forza e potencia suficientes e esa forza ten que vir ao redor de agrupármonos en principios políticos e nun programa. Niso traballaremos coa mellor das vontades e apelando á responsabilidade de todos os actores", manifestou.

Pola súa banda, o novo responsábel de relacións políticas, situou o seu papel na procura do “diálogo e a intermediación en todo o espazo á esquerda do PSOE, buscando o que sempre buscou Anova, que é acumular forzas non só no espazo partidario, senón tamén nos espazos cidadáns”. “Temos que ser leais á nosa traxectoria e buscar ese diálogo”, observou.

No órgano designado esta mañá figura tamén o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, que será responsábel de relacións internacionais. Tamén estarán na comisión permanente as concelleiras Oriana Méndez, Branca Novoneyra e Iria Otero

Comentarios