SEN MENCIONAR EN MAREA

Anova anuncia un "proceso de diálogo" con forzas "aliadas" para definir como concorrer ao 28A

"Imos dar continuidade ao camiño da Unidade Popular que iniciaron AGE, as mareas municipalistas e o Acordo de Mazarelos que subscribimos Anova, Esquerda Unida e Podemos, e a Asemblea de Vigo", manifestan nun comunicado sen mención a En Marea.

Antón Sánchez. Asemblea Anova. 18 de marzo de 2017
photo_camera Antón Sánchez. Asemblea Anova. 18 de marzo de 2017

Anova informa a través dun comunicado que inicia o "diálogo político" cos "aliados cos que vimos compartindo espazo", así como con "axentes cidadáns e sociais", para definir "a alternativa" coa que concorrer ás eleccións xerais do vindeiro 28 de abril. Unha cita electoral que Anova considera que fai necesario "sumar forzas" para frear "a deriva autoritaria impulsada polas forzas políticas ultraconservadoras".


O diálogo céntrase, indican, nas forzas coas que colaboraron neste tempo. "Imos dar continuidade ao camiño da Unidade Popular que iniciaron AGE, as mareas municipalistas e o Acordo de Mazarelos que subscribimos Anova, Esquerda Unida e Podemos, e a Asemblea de Vigo como aposta pola ruptura democrática, a defensa dos dereitos sociais e das liberades individuais e nacionais de Galiza".

O comunicado aponta pois que esa aposta electoral que procura Anova sería con Podemos e Esquerda Unida e á marxe da que quer impulsar a dirección de En Marea. 


Entende esta formación que "temos unha responsabilidade enorme con todos aqueles cidadáns e cidadás que aspiran a ter un instrumento político para as maiorías sociais da Galiza que non se resignan". Por iso, salientan, "cómpre activar, política e socialmente, unha maioría cidadá" fronte á axenda das forzas da dereita.

Comentarios