Anova anuncia que nas xerais non vai renunciar ao “perfil propio” do pobo galego

A Irmandade Nacionalista entende que deber ser a cidadanía quen decida en que forma se concreta a unidade popular nesas eleccións, mais aposta pola fórmula ensaiada nas locais.

Beiras Anova
photo_camera Foto: EFE


Anova concorrerá as eleccións xerais sen renunciar ao “perfil propio” do pobo galego  Así o anunciou a Coordinadora Nacional, reunida este sábado para valorar os resultados das eleccións municipais. “Antes ca ninguén, este país xa ensaiou a confluencia e as novas formas de entender a política partidaria”, asegura a formación segundo nota de prensa.

A Irmandade Nacionalista considera que a posta en marcha de candidaturas populares foi un primeiro paso na “articulación dunha Fronte Democrática e Popular para a creba democrática do réxime do 78 e novos procesos constituíntes co horizonte nas próximas eleccións xerais”. 

A Coordinadora Nacional aposta por repetir a fórmula destes comicios locais, aínda que entende que a decisión parte da cidadanía. “O motor principal está na cidadanía e que as organizacións políticas deben actuar como motores auxiliares”. 

Anova chama a continuar a rebelión cívica baixo tres elementos centrais: o dereito a decidir, a democracia radical e un novo modelo económico e socia

Anova chamou a continuar a rebelión cívica para a construción dunha nova orde social que para a formación debe contar con tres elementos centrais: o dereito a decidir, a democracia radical e un novo modelo económico e social. Fixo un chamamento á cidadanía activa para que traslade a forza demostrada nas municipais aos comicios xerais.

Unha revolución no panorama político

Aseguran que os resultados do 24 de maio “corroboran as teses defendidas na constitución de Anova” onde se defendía que o cambio chegaría de “milleiros de novos actores, con e sen afiliación partidaria, configurando un novo suxeito, novas alianzas e novas ilusións”. 

Nese sentido, consideran que o feito de que candidaturas de unidade popular tiveran “excepcionais resultados” nas cidades galegas con maioría do PP abre “unha revolución dentro dun panorama política que levaba tres décadas estancado”. Sinalan que foi unha derrota “sen precedentes do malgoberno de Feijóo”. 

Comentarios