Anova afirma que non barallou o nome de Fernán Vello como proposta para o Senado

A formación liderada por Antón Sánchez enviou un comunicado para saír ao paso de informacións publicadas por diversos medios, entre eles Sermos Galiza.

miguel anxo fernán vello
photo_camera Fernán Vello

"O nome do ex deputado en Cortes e membro da Coordenadora de Anova, Miguel Anxo Fernán Vello, non figura nas propostas que están enriba da mesa para senador de designación autonómica", afirma a formación nacionalista nun comunicado de imprensa, unha sorte de desmentido perante informacións publicadas en distintos medios.

Sermos Galiza recolleu nunha noticia publicada esta mesma semana que Fernán Vello aparecía entre as hipóteses para cubrir a praza de senador que lle corresponde á confluencia por ser o segundo grupo parlamentar no Pazo do Hórreo (ao PP perténcenlle dous escanos, ao PSdeG e ao BNG, ningún). Así llo indicaron a Sermos as fontes consultadas por este diario dixital.

As mesmas fontes afirmaban que após ter sido valorados os nomes de candidatos organicamente vinculados aos partidos da confluencia [Mariló Candedo pola En Marea villarista, Ángela Rodríguez Pam por Podemos e Vanessa Angustia por Esquerda Undida] a maioría do grupo parlamentar, hexemonizado polos críticos, inclinábase por un perfil distinto, o dunha persoa formalmente independente. E nese contexto aparecía a figura de José Manuel Sande, concelleiro de Cultura da Coruña, da Marea Atlántica.

No comunicado, e esclarecido o pormenor relacionado con Fernán Vello, Anova acrecenta que está “na súa vontade contribuir ao consenso e ao entendemento apostando polo diálogo como o mellor instrumento para acadar un acordo en relación á designación de senador ou senadora autonómica”.

Comentarios