Anova acha a escolla da candidatura para a Xunta unha "tarefa urxente" a resolver en "dúas semanas"

As eleccións galegas poderían mesmo ser en setembro e En Marea aínda non ten decidido quen será a persoa que encabece a súa candidatura. Anova reunirá esta cuarta feira a súa permanente.

Beiras
photo_camera Beiras, no mitin de fin de campaña de En Marea

Após retroceder case 3 pontos en percentaxe de voto e ceder un deputado e un senador o 26X, xa comeza a haber movimientos no interior das mareas orientados ás galegas. Non pode non habelos, tendo en conta que o calendario é o que é -Feijóo nen sequer desbota a hipótese de convocar as urnas a unha altura tan próxima como setembro- e que o resto de forzas políticas xa teñen feito os seus deberes.

Esta cuarta feira, o alcalde da Coruña e líder da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, pronunciouse con clareza ao respeito. "Eu creo que é importante que vaiamos presentándolle á sociedade quen é a persoa que vai a ser o próximo presidente ou presidenta da Xunta de Galicia», dixo. 

Alegou aínda que «neste mes ten que estar [a candidatura], porque se nos bota enriba o periodo electoral e creo que é bo despexar incertezas».

Ferreiro dixo ter na cabeza algúns nomes -"que apuntan alto"- mais non os explicitou. Si reiterou a súa idea de que deben ser persoas que reúnan o maior consenso posíbel. En entrevista no seu día con Sermos, o alcalde da Coruña afirmou que a persoa que lidere a lista non debe ser "de parte", o que implicaría que non debería ter militancia partidaria dentro das mareas (isto é, non debería pertencer nin a Podemos nin a Anova nin a Esquerda Unida).

Por súa parte, fontes de Anova consultadas por Sermos cualificaron a escolla da candidatura de "tarefa urxente" e a resolver "nun prazo de dúas semanas", isto é, antes do Día da Patria Galega.

Anova realizará esta cuarta feira unha reunión da súa permanente en que se definirá a súa folla de rota para as próximas semanas, coa candidatura para a Xunta como asunto estrela.

Comentarios