ANUNCIA ENCONTROS POSTERIORES CON BNG E IU

Anova abre un diálogo con Podemos e ve "importantes coincidencias" co partido de Iglesias

Através dun comunicado de imprensa, Anova anuncia que xa mantivo contactos con Podemos, dentro da rolda de encontros que terá con organizacións potencialmente aliadas para as vindeiras xerais.

Pablo Iglesias e Xosé Manuel Beiras
photo_camera Iglesias e Beiras, no seu recente encontro na Galiza

Os contactos de Anova con outras forzas son produto dos acordos adoptados pola organización coliderada por Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega durante a súa última Conferencia Política Nacional. Estas conversas con Podemos son as primeiras das que se ten constancia formal e nelas, salienta Anova no seu comunicado, a forza integrada en AGE di ter identificado "importantes coincidencias con Podemos Galicia".

Anova enumera até cinco coincidencias. A saber:

1.-Ambas as organizacións entenden "Galiza como nación e o Pobo Galego como suxeito de soberanía".

2.-Concordan en que unha eventual alianza debería resultar nun "espazo parlamentario propio que teña a Galiza como o seu espazo de representación".

3.-Conciben "as nosas organizacións como instrumentos da cidadanía do común".

4.-Partillan a visión da "realidade plurinacional do Estado español" e o esgotamento "do réxime do 78". Tamén en que o novo marco para o Estado só pode vir "mediante un proceso de procesos constituíntes que garanta o respecto das vontades soberanas dos suxeitos políticos das diversas nacións".

5.-Concordan en facilitar o traballo "nos espazos de poder cidadá" naqueles concellos en que Anova e Podemos participaron en mareas con independencia "do resultado dos procesos de diálogo para conformación de candidaturas ás eleccións xerais".

No comunicado Anova utiliza a expresión "unidade popular", presente tamén no discurso de Podemos. O asunto é que Podemos entende que a unidade popular se vehiculiza precisamente através das súas siglas e da súa marca, que considera irrenunciábeis após os acordos do seu congreso de Vista Alegre e do seu recente referendo interno (no que, aliás, apenas participou o 11% das persoas con direito a voto).

Podemos Galicia, de acordo con este comunicado de Anova, entende Galiza como suxeito de soberanía. Aliás, dirixentes de Podemos Galicia teñen dito que a organización galega non pode decidir por si propia se se integrar ou non nunha hipotética candidatura galega, sendo que a última palabra sobre esa cuestión a teñen os órgaos estatais do partido.

Fontes da dirección de Anova anunciaron a Sermos Galiza que a formación manterá tamén encontros nas próximas datas co BNG e con IU.

Comentarios