Manuel Anxo Fernández Baz

"A cinco anos vistas comprobaremos como o electorado avalía a chamada nova política"

En #VenhanMais5 esta cuarta feira pulsamos a opinión do politólogo Manuel Anxo Fernández Baz.

Manuel Anxo Fernández Baz.
photo_camera Manuel Anxo Fernández Baz

-Como avalías o estado actual da política galega?

-A política galega actual definese pola fortaleza electoral e social do PP, algo que non é novidoso, a febleza dun PSOE inmerso nunha fonda crise interna, a presenza de En Marea e a recuperación electoral do BNG. A diferenza co sistema de partidos que xorde nos anos noventa vén determinada pola presenza de En Marea como terceira forza na competición electoral nas dimensións da esquerda e do galeguismo que atrae votos que noutro momento recalarían no PSOE ou no BNG.

-Que evolución agardas da política galega a cinco anos vista?

-No vindeiro lustro vanse celebrar catro procesos electorais, dous en 2019 e, de cumprírense as lexislaturas, dous en 2020, é dicir vanse cumprir todos os mandatos e lexislaturas iniciados desde 2014, e polo tanto complétase un ciclo no que se comprobará como avalía o electorado iso que se deu en denominar “nova política”, agora xa nas institucións.

Por outra banda, é previsíbel, malia os casos de corrupción, que en todo caso sucéndense, ou fanse públicos, en período non electoral, que o Partido Popular experimente un ascenso electoral nos comicios de 2019, recuperando posicións perdidas en 2015, nomeadamente nos ámbitos urbanos. No que ten a ver coa esquerda e o nacionalismo, o BNG está en disposición de manter as posicións adquiridas en 2015 e mesmo de mellorar os resultados nos outros procesos electorais.

En todo caso, considero que a evolución política vai depender fundamentalmente de dúas cuestións: o devir do PSOE e a valoración do electorado do chamado ciclo da “nova política”.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Agardo que siga avanzando como un xornal de referencia para os galegos e as galegas, poñendo de manifesto que hai outras formas de ver e analizar a sociedade galega en particular, e o escenario internacional en xeral.

Comentarios