Un ano de mandatos municipais, 5 mocións de censura do PP

Os populares impulsaron nestes doce meses, en colaboración con independentes, TEGA ou tránsfugas, mocións para quitarlle 3 alcaldías ao PSOE e 2 ao BNG.

pontecesures moción de censura
photo_camera Moción de censura en Pontecesures

Apenas un ano transcorrido desde as últimas eleccións municipais (24 de maio de 2015) e o Partido Popular xa tivo tempo de impulsar e presentar cinco mocións de censura en Galiza, a unha media dunha cada dez semanas. Os populares, quer aliados con tránsfugas, con independentes ou con anteriores apoios dos alcaldes que procedeu derrocar con estas mocións; obtiveron así 5 alcaldías: 3 do PSdeG e 2 do BNG.

A primeira moción de censura do mandato municipal iniciado a finais de maio de 2015 foi en agosto, en Boimorto. Gonzalo Concheiro (PP) lograba a alcaldía grazas ao apoio dun concelleiro non adscrito do PSOE, que dixo que así enmendaba o “erro” de ter dado a cadeira de alcalde ao BNG. O nacionalista Xosé L. Rivas, Mini, deixaba a alcaldía entre aplausos e apertas da veciñanza. "A moción en Boimorto foi una operación mafiosa, haxa ou non haxa cartos", dixo nunha entrevista con Sermos Galiza.

O ciclo de mocións comezou en agosto pasado en Boimorto e tivo o seu, polo de agora, último capítulo esta semana en Santa Comba

A comezos deste mes de maio, e 9 meses após chegar a alcaldía con aquela moción, Concheiro presentaba a súa demisión ao estar inmerso nunha investigación en curso por presunta estafa vencellada a unha empresa aseguradora de accidentes de tráfico. 

Tensión

A seguinte moción de censura decorreu en Oia en novembro, tamén impulsada polo Partido Popular. Rosa María Otero (PSOE) era expulsa como alcaldesa, posto que pasaba ocupar Cristina Correa (PP) grazas ao apoio de Converxencia Galega (que antes apoiara a socialista). No pleno houbo momentos de tensión e unha forte presenza policial. Algúns dos concelleiros que apoiaron a moción tiveron que ser escoltados por patrullas da Garda Civil.

A primeira das tres mocións de censura que levamos no que vai de 2016 tivo lugar en Noia, onde gobernaba o PSOE, que tivera o apoio dos independentes de NOIA. Estes pasaron apoiar a moción de censura presentada polo PP e que deu a alcaldía a Santiago Freire embora a oposición de socialistas, Marea de Noia e BNG.

En Pontecesures o PP acadou un acordo cun concelleiro de TeGa e unha independente para presentar unha moción de censura en Pontecesures (comarca de Caldas) e botar da alcaldía a comezos de maio a nacionalista Cecilia Tarela (BNG), que goberna co apoio do PSOE. "Nesta moción de censura hai moito interese en ladrillo e formigón", denunciaba Tarela. “A moción de censura non sorprende, hai que ter en conta que noutras lexislaturas foron concelleiros do PP [o edil de TeGa e a independente] e volven ao redil”, engadía nunha entrevista.

E Santa Comba é, polo de agora, a última vila onde o PP consegue a alcaldía cunha moción de censura. Os populares, co apoio de TEGA, arrebataron esta mesma semana o PSOE a alcaldía deste concello.

Mais semella que a de Santa Comba non será a última moción de censura que haxa en Galiza neste mandato municipal, Tambores de moción redobran en concellos como Sarria ou Muros, que poderían ser os seguintes.

Comentarios