Un ano despois do 12-X: o BNG quer “sumar” máis apoios para unha "alternativa real" ao PP

"Seguimos traballando con forza e humildade para ser o referente de máis galegos, cunha oposición contundente pero con propostas", destacou Ana Pontón.

BNG grupo parlamentar

Esta segunda feira, 17 de xullo, fíxose un ano das eleccións galegas que certificaron o BNG como “alternativa real” ao PP e situaron o nacionalismo como principal forza da oposición no Parlamento galego.

"Hai un ano os galegos e as galegas déronlle ao BNG a responsabilidade de ser a forza que lidera a oposición a un PP cada vez máis lonxe da realidade do país, mentres se agudizan os problemas como o envellecemento da poboación, a emigración da xente moza, a crise industrial ou os recortes nos servizo público. Un PP cada vez máis centralista que mira polo retrovisor o discurso racista, xenófobo, machista e antigalego da extrema dereita", destacou a portavoz do BNG, Ana Pontón, acompañada do grupo parlamentar, repetindo a imaxe de hai un ano diante do principal acceso oo Parlamento.

"Un ano de traballo intenso onde puxemos o mellor de nós, do noso talento e do noso impulso, á hora de defender unha alternativa ao PP e facer de contrapeso a decisións que van contra os intereses do País, sendo referentes de moitos galegos e galegas e poñendo no centro do debate as cuestións que importan para mellorar a vida da xente: sanidade, políticas públicas, reclamar unha Galiza máis forte e con máis autogoberno", destacou ante os medios.

Fronte a un Goberno de Feixoo que non achega solucións aos problemas e asentado no centralismo, dixo, o Bloque actuou de "contrapeso", facendo unha oposición "contundente na crítica pero construtiva, que formula alternativas e propostas, a cada crítica, unha proposta", recalcou. Un BNG que soubo ler o momento excepcional da pandemia, e responder as expectativas dunha cidadanía que pedía "altura de miras".

Pontón defendeu este ano de traballo do BNG no Parlamento, centrado en temas como a economía, a sanidade ou o benestar social.

Pontón tamén puxo o foco na defensa dos dereitos e das liberdades, empezando pola igualdade real nos dereitos das mulleres, "do que é mostra as dúas leis impulsadas pola formación nacionalista que serán aprobadas no último pleno deste período de sesións", salientou, en referencia á Lei Ánxeles Alvariño para acabar coa discriminación que sofren as científicas cando son nais; e a lei para que a violencia vicaria sexa recoñecida como unha forma de violencia de xénero.

No balance deste ano posterior ás eleccións do 12X, non deixou pasar a defensa de Galiza ante o Goberno do Estado, tanto no Congreso como no Parlamento, "prioritario" para acabar, sostivo, coa discriminación na que se alternan PP e PSOE, dando debates para que se cumpran o acordo de investidura en cuestións como as rebaixas da AP9, recursos para combater a crise industrial, o saneamento das  rías e infraestruturas claves como o tren, concluíu.

Comentarios