Na Coruña haberá segunda volta

Ángel Mato e Vázquez Barquero, candidatos do PSOE en Ferrol e Ourense

O senador Ángel Mato será o candidato do PSOE á Alcaldía de Ferrol, mentres que o portavoz en Ourense, José Ángel García Barquero, encabezará as listas dos socialdemócratas na cidade das Burgas. Na Coruña mediranse nunha segunda volta José Manuel García e Inés Rey.

DsJdaP4XQAATv8a
photo_camera [Imaxe: PSdeG] Á dereita, Ángel Mato, candidato do PSdeG á Alcaldía de Ferrol

O PSdeG realizou na xornada do domingo un proceso interno de eleccións para escoller as e os cabezas de lista que concorrerán ás eleccións municipais de 2019 en municipios de máis de 20.000 habitantes.

En Ferrol o elixido foi o senador Ángel Mato, que obtivo 145 votos (58,5%) e que se impuxo ao concelleiro Germán Costoya, apoiado por 101 persoas (40,7%). Participaron das votacións o 83,8% das e dos militantes.

En Ourense impúxose o actual portavoz municipal, José Ángel Vázquez Barquero, que repetirá como candidato. Acadou 251 apoios (57,8%), fronte aos 164 logrados pola profesora Elena de Prada (37,8%), que sumara á súa candidatura outro dos precandidatos, Antón Alonso. Votou o 70% da militancia.

Na Coruña haberá segunda volta, ao non superar ningún dos aspirantes o 50% dos votos. Concorrerán de novo ao proceso interno, o 25 de novembro, José Manuel García, actual portavoz do PSdeG nesta cidade, e a avogada Inés Rey. O primeiro conseguiu o apoio de 143 persoas (36,5%) e a segunda, de 96 (24,5%). Os outros aspirantes, Rafael Arangüena, vicesecretario de Relacións Institucionais do PSOE coruñés, e Juan Ignacio Borrego, ex vicesecretario e ex portavoz do PSOE coruñés, sumaron 81 (20,6%) e 70 votos (17,9%) respectivamente. Participou o 74,8% da militancia.

En Compostela só se presentou o ex alcalde Xosé Sánchez Bugallo logo dun acordo entre distintos sectores do partido, mentres que en Pontevedra fixo o propio o actual portavoz local, Agustín Fernández. En Lugo e Vigo repetirán como candidatos a actual alcaldesa, Lara Méndez, e o seu homólogo vigués Abel Caballero.

Comentarios