Ángel Currás deixa a alcaldía, mais non a acta

O ex-rexedor compostelán continuará como concelleiro na nova equipa de goberno que encabezará Agustín Hernández, o terceiro alcalde da capital galega nesta lexislatura.

Ángel Currás presentou esta segunda feira (9 de xuño) a súa demisión como alcalde da capital de Galiza. O rexedor foi a última peza en caer dunha corporación municipal ferida de morte polos casos de corrupción. E deu paso a unha nova equipa de goberno que encabezará o conselleiro Agustín Hernández, número 25 na listaxe eleitoral.

Á demisión d@s 7 edís condenad@s a 9 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación e á de Paula Prado como voceira do Partido Popular, tamén se produciu --finalmente-- a saída do alcalde.

Porén, Currás non deixará a acta de concelleiro, segundo recolle o diario La Voz de Galicia. O ex-alcalde continuará no Pazo de Raxoi no que desde o Partido Popular definen como "unha nova etapa". A terceira no que vai de lexislatura.

Comentarios