Análise: A 'Enceborroka' incendia Pontevedra

A convivencia social pero, sobre todo, os traballadores da factoría de Lourizán son os grandes derrotados desta liña de actuación. Utilizados nunha guerra partidista contra o Goberno local e cada día máis illados polos métodos de loita empregados, a súa única saída laboral pasa por un acordo dos poderes públicos, fundamentalmente a Xunta e o Estado, que posibilite a continuidade da súa actividade nun emprazamento permitido pola lei.

Barricada dos traballadores de ENCE nos accesos a Pontevedra (Foto: @CeaPontevedra)
photo_camera Barricada dos traballadores de ENCE nos accesos a Pontevedra (Foto: @CeaPontevedra)

Pontevedra espertou na mañá desta cuarta feira cos accesos cortados por barricadas de lume. A nova acción de protesta convocada este 11 de agosto por un grupo de operarios da factoría de Ence de Lourizán fai parte dunha nova estratexia política deseñada após a recente sentenza da Audiencia Nacional que anula a prorroga da celulosa na ría e dirixida a desgastar ao Goberno local. A violencia empregada nas súas mobilizacións por parte do cadro de persoal da pasteira inqueda e preocupa na cidade do Lérez. 

Hai inquedanza, malestar e abraio ante o que algúns sectores entenden que é que a dirección de Ence e do Partido Popular están por non respectar a sentenza xudicial que obriga a pasteira a abandonar a Ría e renuncian a buscar un solución laboral para os traballadores da celulosa. 

Neste sentido, resulta moi significativa a negativa do Goberno galego a buscar unha nova localización para a factoría, fechar o ciclo produtivo até producir papel, aumentar o valor engadido da actividade e incrementar de modo considerábel o número de empregos. A este respecto, non deixa de ser curioso que a Xunta desbote a posibilidade de aproveitar o financiamento público procedente do programa Next Generation para acometer esta actuación.

A posición do Partido Popular non é nova, porén o recente fallo xudicial que declara ilegal a prorroga de Ence obrígao a mudar de táctica. Malia que o PP coñecía desde 1988, ano de aprobación da Lei de costas, que a pasteira debía abandonar Lourizán en 2018, tal e como confirmaba no pasado mes de xullo unha sentenza da Audiencia Nacional, a formación rexeitou en todo este tempo buscar un novo emprazamento para a factoría e alternativas laborais para os seus empregados. 

Así as cousas, diante do novo escenario e, de xeito mancomunado cos intereses da celulosa, sitúase o conflito nunha nova dialéctica de pugna, nunha orientación de presión sobre o Goberno local de Pontevedra, ao que sinalar como culpábel principal e absoluto dunha "perda" de postos de traballo.

O PP xoga con lume

Os populares xogan con lume nesta nova estratexia. Por unha banda, a cidadanía de Pontevedra defende dunha maneira ampla e maioritaria a saída da pasteira da ría, polo que a postura do PP a prol da continuidade de Ence en Lourizán non está exenta de custos electorais. 

Por outro lado, o seu aplauso ás mobilizacións dunha parte dos traballadores da celulosa, sepáraos de sectores da súa base social e confróntaos a unha parte da sociedade pontevedresa profundamente desgustada cos métodos violentos empregados nas últimas protestas. 

Neste sentido, círculos populares de Pontevedra critican que responsábeis do partido na cidade non condenen con contundencia a violencia das mobilizacións, se ben esas condenas tampouco se producen desde máis arriba.

A convivencia social pero, sobre todo, os traballadores da factoría de Lourizán son os grandes derrotados desta liña de actuación. Utilizados nunha guerra partidista contra o Goberno local e cada día máis illados polos métodos de loita empregados, a súa única saída laboral pasa por un acordo dos poderes públicos, fundamentalmente a Xunta e o Estado, que posibilite a continuidade da súa actividade nun emprazamento permitido pola lei. Unha alternativa distinta non só é ilegal neste momento senón que non é viábel a medio e longo prazo.
 

Comentarios