Ana Pontón: "O BNG é máis que unha organización política"

O BNG celebra 40 anos de vida e a súa portavoz nacional, Ana Pontón (Sarria, 1977) pon en valor estas décadas de "compromiso vital coa Galiza" da organización, mais sen perder de vista o que está por vir. "Estamos no mellor momento", di, para ir cara ao "cambio político que a Galiza precisa" e que ela ve máis cedo que tarde.
ana pontón bng foto arxina
photo_camera (Foto: Arxina)

40 anos da constitución do BNG. Que poría en valor desta traxectoria?

Sermos unha organización clave para a Galiza e, neste momento, a alternativa real para poder pór en marcha un cambio transformador, que por primeira vez teñamos un Goberno sen dependencias de Madrid e que teña como razón de ser a Galiza e a súa defensa, cun proxecto transformador. Píllanos no mellor momento, cunha organización sólida e sendo a garantía de que os galegos e galegas poden ter esperanza.

O escenario actual pouco se parece ao de 1982...

En 40 anos mudaron moitas cousas, e o BNG tamén evolucionou. Mais o que se mantén é esa necesidade dun proxecto político propio, sen ataduras; demostrouse que o BNG é moito máis que unha organización política, é un compromiso coa nación galega. 

Con 40 anos xa se pode falar de consolidación, algo que daquela ao mellor non parecía tan seguro...

Facer 40 anos de vida non é unha cuestión calquera... Durante estas décadas, houbo moitas organizacións que apareceron, que se definían como nacionalistas ou como federalistas ou como galeguistas, e malia que algunhas tiveron no seu momento éxitos electorais importantes, desapareceron. Se o BNG se consolidou como alternativa, unha das razóns é que fixemos política pensando na Galiza e adaptada á realidade do noso país. Cando nos foi mal é cando quixemos copiar mimeticamente o que facían outros. E acertamos cando defendemos proxectos políticos pensados desde a realidade galega. A autoorganización é non ter ataduras, nin en Madrid nin en Bruxelas nin cos grandes poderes económicos.

Alfonso Rueda fai catro meses na Presidencia da Xunta. A súa xestión era a que esperaban?

É un presidente e un Goberno gris. Leva catro meses de brazos caídos e cun denominador común: un proxecto subordinado a Madrid. A rebaixa fiscal que impulsa agora para beneficiar 7.700 persoas ricas é unha decisión que se toma en Madrid, na rúa de Génova, sede do PP español. É un insulto á maioría social prescindir en plena crise de 34 millóns de euros. Un diñeiro que permitirá contratar profesores, persoal médico, ou que permitiría recuperar a Tarxeta básica para familias vulnerábeis que o propio Rueda suspendeu. 

O PP di que esa cantidade non é nada e iso sintetiza moi ben como concibe o Goberno o PP: gobernan para unha minoría. Isto é o presidente Rueda e o seu Executivo, políticas regresivas que van en contra da maioría.

Estamos ás portas dun novo ciclo electoral, como afronta o BNG ese escenario?

Con forza e con optimismo. Somos unha organización que ten nos seus Gobernos municipais unha carta de presentación, demostramos que facemos unha política diferente, que somos quen de transformar en positivo, de xestionar ben os recursos públicos e traballar para as maiorías. Temos un modelo distinto ao do PP e PSOE. Teño a certeza de que o BNG vai ser a forza política que máis suba nas vindeiras eleccións. Atreveríame a dicir que somos a forza que vai subir fronte ás outras, ás que se lles vai ver un declive.

O BNG xa está en disposición de disputar a hexemonía ao PP?

Estou convencida de que somos a alternativa real e que somos a garantía de que poida haber un cambio político na Galiza en 2023 e nese traballo estamos e a ese labor dedicamos esforzos e compromiso. A Galiza precisa un cambio, non podemos seguir así. Non hai solucións máxicas e non todos os problemas van ter solución dun día para outro, mais hai que coller o pulso ao país e temos que pór a capacidade da Galiza ao servizo dos galegos e galegas .

"A militancia do BNG é un valor para a sociedade galega"

ontón alude ao "compromiso coa nación galega". Preguntámoslle se é iso, en resumo, o ADN que o BNG mantivo ao longo destes 40 anos e explica que "militar no BNG é un acto de amor e compromiso co país". "De feito, podemos ver noutras organizacións políticas como cando teñen malos resultados electorais hai desbandadas, e no BNG iso non pasa", salienta. "Temos unha militancia firme, que se mantén nos momentos difíciles e que é o noso gran soporte. E é tamén un valor para a sociedade galega, dános solidez, dános coñecemento da realidade do día a día, e permítenos ser unha organización coas mans libres".

Comentarios