Ana Pontón rexeita a guerra en Ucraína e pide reforzar a vía diplomática

A voceira do Bloque condena os bombardeos rusos sobre Ucraína e reclama unha neutralidade activa por parte do Estado español.
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG (Nos Diario).
photo_camera Ana Pontón, portavoz nacional do BNG (Nos Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, rexeitou "de forma contundente" os bombardeos en Ucraína por parte Rusia e reclamou volver e "reforzar" a "vía diplomática".

Ademais, Pontón proclamou o "Non á guerra" para rexeitar que o Estado español "participe" no conflito, no canto de defender unha "neutralidade activa".

En declaracións aos medios de comunicación esta quinta feira, Ana Pontón escolleu as súas "primeiras palabras" para "dicir alto e claro 'Non á guerra' e para enviar toda a solidariedade" ao pobo ucraíno, xa que será a cidadanía deste país "a que pague as consecuencias deste conflito bélico" que o BNG observa con "preocupación".

Diplomacia

"Desde o BNG rexeitamos de forma contundente os bombardeos en Ucraína e esiximos que se retome a vía diplomática, porque a diplomacia é a vía para poder solucionar este conflito", aseverou Pontón, quen sostivo que "o único camiño é a paz e, para percorrelo" é necesaria "unha desescalada militar e unha aposta firme polo diálogo e a diplomacia".

A líder nacionalista alentou a que os organismos que "marco da diplomacia" sexan institucións como a ONU e a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE), que "deben de traballar para dar solución estábel e duradeira a este conflito".

"E como primeiro paso nesa dirección, esiximos a retirada das tropas rusas e un compromiso da OTAN para frear o avance cara ao leste europeo" para sinalar, a continuación, que o marco para resolver a situación "debe ser volver aos acordos Minsk con garantías de todas as partes de que se van a cumprir".

Neutralidade activa

Na súa intervención, Pontón cualificou de "erro" que o Estado español "participe nesta guerra". "Nós dixemos no seu momento 'Non á guerra' de Iraq e dicimos agora 'Non á guerra' de Ucraína", proclamou a portavoz nacional do Bloque.

Pontón apostou por que a posición de España "sexa dunha neutralidade activa, retirando tropas e reforzando a vía diplomática". "Hoxe é necesario dicir 'non á guerra', reiterar que a solución é a vía diplomática e que hai que apostar en serio pola paz", salientou.

Comentarios