Ana Pontón vincula o apoio a Sánchez a unha solución para Alcoa

A portavoz nacional do BNG puxo sobre a mesa unha das condicións para que as nacionalistas presten o seu apoio á investidura de Pedro Sánchez. Nunha visita a Alcoa, Ana Pontón dixo que ese respaldo depende de que o futuro Goberno mostre "vontade política" para dar unha solución á industria electrointensiva.
Olalla Rodil, Ana Pontón e Néstor Rego, coa representación sindical de Alcoa esta terza feira. (BNG)
photo_camera Olalla Rodil, Ana Pontón e Néstor Rego, coa representación sindical de Alcoa esta terza feira. (BNG)

Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, dixo que o BNG “comparte a preocupación” das traballadoras e traballadores de Alcoa San Cibrao “polo futuro” da factoría. Despois de manter un encontro con representantes sindicais na mesmo fábrica acompañada pola deputada Olalla Rodil e deputado en Cortes, Néstor Rego, a líder nacionalista manifestou as súas críticas á actitude do Goberno central con Alcoa. “As súas políticas, no canto de proporcionarlle osíxeno, o que están a facer é estrangular as posibilidades de futuro. Hai unha falta de respostas clara. Prometeron en abril un estatuto para as industrias electrointensivas, e non o hai; e agora puxeron máis paus nas rodas coas condicións da última poxa da enerxía”.

Pontón estendeu ás súas críticas ao Goberno da Xunta de Galiza, e dixo que “temos un Goberno galego que é incapaz de liderar unha solución para a grave crise industrial que padece Galiza. E aí está a foto de onte [pola segunda feira] de Feixoo en Madrid, que non trae ningunha solución nin para As Pontes nin para Alcoa. Vén coas mans baleiras, non ten capacidade... parece incomprensíbel que teñamos postos de traballo en risco polas tarifas da electricidade”.

A portavoz nacional do BNG vinculou o apoio das nacionalistas á investidura de Pedro Sánchez como novo presidente do Goberno a unha solución para Alcoa. “Se quere o apoio do BNG, ten que haber unha solución solución para o futuro de Alcoa e para todas as industrias electrointensivas”, dixo Pontón. E explicou que as solucións dependen “unicamente da vontades política” para que se cre ese estatuto e para que Galiza teña “beneficios” dado que é unha comunidade “produtora neta de electricidade”.

Pola súa banda, Néstor Rego, declarou que a de Alcoa é "unha xusta demanda" e reclamou prezos competitivos para a industria galega, "un país escedentario en enerxía", remarcou antes de volver pedir unha tarifa eléctrica galega que beneficie tanto ás empresas produtoras como ao consumidor. 

Comentarios