Ana Pontón urxe Feixóo a comparecer no Parlamento para explicar o proceso de vacinación

A portavoz do BNG no Parlamento afirma que "o 30% das persoas maiores de 80 anos aínda agarda a primeira dose da vacina"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional, Ana Pontón, pide a comparecencia en Pleno do presidente da Xunta para que explique o proceso de vacinación, toda vez que, cos últimos datos oficiais publicados, en Galiza aínda están ser recibir a primeira dose o 31% das persoas maiores de 80 anos, o que supón por volta de 74.000 persoas.

“O Goberno que presumía de poder administrar 100.000 vacinas diarias aínda non foi quen de completar a vacinación do 100% dos maiores de 80 anos, un colectivo de 235.000 persoas”, dixo Pontón, quen recoñece que houbo problemas de subministro, “pero tamén é evidente que algo non se está facendo ben cando estamos á cola da vacinación das persoas octoxenarias segundo os últimos datos oficiais publicados”.

A portavoz do Bloque tamén considera urxente que o presidente Núñez Feixoo aclare en sede parlamentaria toda unha serie de interrogantes arredor do proceso de vacinación, “porque a práctica da Xunta é anunciar propagandisticamente a inoculación do antídoto a unha sucesión de colectivos sen despois concretar datos dos resultados”.

Entre as cuestións que debe responder, Pontón fixo fincapé na situación das persoas maiores de 80 anos con algún tipo de discapacidade que lle impide desprazarse ao centro de saúde para ser inmunizados.

A falta de transparencia na vacinación, denunciou, tamén impide saber como está o proceso nos colectivos prioritarios como o persoal sanitario, o persoal docente ou o persoal das actividades esenciais, ao que se suman os anuncios por tramos de idade e a evolución da administración do antídoto por áreas sanitarias.

Os datos publicados deixan en evidencia que “a propaganda vai por un lado e a realidade vai por outro”, xerando unha situación que provoca “desánimo entre a cidadanía e descrédito nos responsables públicos. Tras un ano de pandemia, alegou-, o mínimo que se merecen os galegas e galegos é un Goberno que cumpra, que non xogue á propaganda e a publicidade cun asunto tan serio”.

Comentarios