Ana Pontón urxe a confinar Galiza diante da suba de contaxios

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego considera que a “pandemia está ao borde do descontrol”
Ana Pontón durante unha comparecencia.
photo_camera Ana Pontón durante unha comparecencia. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, aproveitou a comparecencia no Parlamento da Galiza do conselleiro de Economía e vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, para "pór sobre a mesa a opción do confinamento" ante a "extraordinaria gravidade" da situación.

"Nesta situación na que a pandemia está ao borde do descontrol, onde temos máximos diarios de contaxios, cifras pavorosas de vítimas mortais, hai que tomar medidas contundentes e hai que facelo canto antes, pois iso significa salvar vidas, primeira obriga ética e moral, pero iso tamén significa salvar empregos”, sinalou Pontón na súa réplica a Conde, no curso dunha intervención na comisión de reactivación da Covid constituída na Cámara galega.

A dirixente nacionalista considera que o confinamento “é a mellor opción para frear” a pandemia. “Non esperemos a pór en marcha unha medida contundente e eficaz, se hai que facelo -e os datos son contundentes-, fagámolo, sen medias tintas, non é o momento de practicar a técnica da avestruz, a política de esconderse, senón de liderar. É o momento de tomar medidas claras, rotundas e contundentes para frear a pandemia”, engadiu.

O BNG considera que é o momento de pór sobre a mesa a opción do confinamento, porque os datos apuntan que esa medida vai ser a única solución para frear a expansión desta segunda onda”, salientou.

Pontón lembrou que o confinamento “é unha medida que están a adoptar os países da nosa contorna” e puxo de manifesto que Estados como Alemaña apostaron “por esta alternativa cunha incidencia de 168 casos por 100.000 habitantes”, mentres na Galiza está en 311, unha situación "preocupante" polo que “necesita un Goberno que lidere a loita contra a pandemia".

A taxa de incidencia aplicada polo Estado español e a Xunta da Galiza para acometer restricións segue a ser motivo de polémica no ámbito científico e no espazo comunitario, ao aplicar unhas porcentaxes moi superiores ás recomendas polo Centro Europeo de Alertas, que a sitúa en 200 casos por 100.000 habitantes.

Recuperación ambiental do Eume

Por outra banda, a portavoz nacionalista visitou no día de hoxe o río Eume para propor un plan, con catro anos de vixencia, dotado cun investimento de 250 millóns para lograr “a recuperación ambiental e o impulso económico e social deste enclave natural”.

Pontón, acompañada polo deputado Ramón Fernández, os portavoces en Cabanas, Pontedeume, As Pontes e Monfero e a responsábel comarcal, salientou que Endesa debe achegar parte do diñeiro, porque “quen contamina” non pode ficar sen responsabilidades “sobre todo cando obtén grandes beneficios”. Tamén acusou a Xunta de ser “cómplice necesaria”.

Comentarios