GORETTI SANMARTíN, NúMERO 2 DA LISTA

Ana Pontón, candidata á Portavocía Nacional do BNG

[ACTUALIZACIÓN ÁS 18:29h]. Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, segue a Pontón na proposta do Consello Nacional saínte que supón unha significativa renovación do órgao de dirección: dun total de 15 persoas, 10 caras serían totalmente novas.

Ana Pontón (2)
photo_camera Ana Pontón (2)

Este sábado (20 de febreiro) o Consello Nacional do BNG acordou a listaxe de persoas que impulsa para concorrer á Asemblea Nacional do vindeiro día 28 como candidatas aos órgaos de dirección da formación frentista. 

Encabezaría a lista proposta polo Consello Nacional saínte Ana Pontón. De número dous iría Goretti Sanmartín e após ela nomes como os de Xosé Luís Rivas Mini, Noa Presas, Rubén Cela,  Carme da Silva, Néstor Rego, Olaia Ledo, Bieito Lobeira, Obdulia Dinís, Xosé Emilio Vicente, Montse Prado, Xosé M. Marcote, Alba María Feixóo, Lois Pérez Barral. Estas quince persoas constituirían a proposta para integrar a lista para a Executiva. De seren eleitas pola Asemblea Nacional, a renovación a respeito da actual dirección sería grande: 10 das 15 caras da Executiva frentista serían novas.

Jorquera fecha a lista ao Consello Nacional

Outros nomes propostos, xa para integrar o Consello Nacional, serían Avia Veira, Serafín Otero, Ximena González, Rubén Arroxo ou Leticia Santos. A lista fecharíaa o actual portavoz do grupo parlamentar, Francisco Jorquera, que ocupa o sempre simbólico posto número 50 da candidatura.

Delas, "só 5 pertencen á Executiva Nacional saínte" subliñou Ana Pontón o que supón "un importante esforzo de renovación", acrecentou Goretti Sanmartín. A número dous e vice-presidenta da Deputación da Coruña, puxo en valor o feito de seren dúas mulleres as que encabecen a proposta. Mulleres "valentes", "audaces" e "rebeldes", esfatizou, nun tempo no que cómpre, asegurou, "que as mulleres comecen a ter responsabilidades políticas de maneira directa". Un feito que se amosou certa "será ben acollido pola militancia do BNG e a súa base social". 

O prazo fixado polo regulamento da Asemblea Nacional permite presentar máis propostas até o 22 de febreiro ás 19h

Destarte, Goretti Sanmartín sinalou que "non é pechada" senón que fica aberta ás persoas que "poden ser incorporadas" a partir das demais propostas que se presenten até finalizar o prazo de presentación de candidaturas, a segunda feira ás 19 horas. "Nesta organización non poñemos impedimentos" para que estas candidaturas se produzan "senón que se facilita" pois só se precisa "15 persoas" para facer unha proposta, explicaron. 

Pola súa banda, Ana Pontón puxo en valor o carácter "colectivo" e "democrático" do proceso iniciado no seo do BNG de cara á súa Asemblea Nacional o vindeiro domingo 28 de febreiro. "Aquí non hai cúpulas decidindo", apuntou senón "principios" e "equipas". "Hai que pular polo proxecto colectivamente", enfatizou. 

Refundación

Aliás, subliñou a "viveza do debate" como reflicten as 245 emendas presentadas ao relatorio aprobado polo Consello Nacional saínte e que partillan a "necesidade de refundar o BNG". Un proceso cuxos prazos definirá a propia asemblea xunto co Consello Nacional que nela se elixa. 

Para alén diso, acrecentou Ana Pontón, "dous son os ámbitos" arredor dos que xirará o debate. "A análise e actualización do discurso" do BNG e a "redefiniciou da estrutura organizativa" para introducir "novos modos e mudanzas en profundidade" na organización, dixo. 

Ana Pontón e Goretti Sanmartín salientaron carácter do Bloque como "un elemento fundamental" para Galiza polo que chamaron a desenvolver unha "escoita activa" tanto "interna" como "externa". 

Comentarios