Ana Pontón: "A porta do BNG está aberta"

A portavoz nacional da formación frontista chamou a ampliar a base electoral durante o primeiro Consello Nacional dun curso político en que prometeu unha oposición "crítica", mais "propositiva". Ademais, advertiu a Sánchez que sen cumprir o acordo, non haberá apoio aos orzamentos.

EuropaPress_3327130_portavoz_bng_ana_ponton_interviene_consello_nacional_bloque_celebrado_teo
photo_camera A portavoz do BNG, Ana Pontón, intervén ante o Consello Nacional que se desenvolveu este sábado en Teo (Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que a formación frontista, baixo a súa condición de primeira forza da oposición no Parlamento nacional, exercerá un papel "crítico" co Executivo de Alberto Núñez Feixoo mais ao mesmo tempo "propositivo".

Prometeuno na súa intervención no Consello Nacional que se desenvolveu este sábado nun hotel de Teo, municipio limítrofe con Compostela, o primeiro tras o arranque da XI Lexislatura, nun "momento excepcional, case distópico" que obriga, segundo Pontón, "a dar o mellor" de cada un para ofrecer "unha resposta" á crise sanitaria, económica e social que provocou a pandemia da Covid.

Nun contexto de "falla de medios" en sanidade, "caos" no arranque do curso educativo e "un impacto brutal" na economía, Ana Pontón emprazou os seus a entender que "a obriga dunha forza política é saber ler o momento social, anticiparse e interpretar os estados de ánimo" da cidadanía para "desde a empatía, abordar solucións" algo que, segundo Pontón, o executivo de Núñez Feixoo non é quen de atopar.

"O Goberno non está á altura nin sequera no máis básico", subliñou a portavoz nacional, que asegurou que a formación que encabeza "non" collerá "o camiño fácil da crítica a un Goberno instalado na inercia" que "queda espido cando non se pode agochar tras a manipulación informativa".

Por iso, avanzou que "cada crítica" desde a oposición irá acompañada "dunha proposta alternativa" para así "demostrar que hai outra maneira de entender o país" como, dixo, exemplifican os municipios gobernados polo BNG.

Orzamentos do Estado

"A mensaxe é moi clara: se Pedro Sánchez quere o BNG, o punto de partida debe ser o cumprimento escrupuloso asinado, non co BNG, senón co país". Así o aseverou Pontón sobre o "único criterio" que moverá o Bloque a negociar co Goberno do Estado o seu apoio aos orzamentos: que os puntos acordados en xaneiro co PSOE para a investidura de Sánchez teñan reflexo nas contas.

"Non imos pasar por menos. Cada euro, cada investimento, conta. Exiximos un trato xusto para a Galiza. E iso comeza por que se cumpra o acordo e que estea nos orzamentos", insistiu Pontón, que erixiu a súa formación como "a única garantía de que a Galiza vai ter un trato xusto nos orzamentos" logo de "os recortazos" que, di, levaron a cabo os Gobernos de Mariano Rajoy e, despois, o Executivo de Sánchez no seu primeiro mandato tras a moción de censura.

"Os galegos estamos cansos, con Covid ou sen ela, dos agravios cara a este país", manifestou Pontón, que, tras apuntar que o BNG non fará "seguidismo do inquilino de Moncloa nin do inquilino de Génova", destacou que "está moito en xogo" ante un período de reactivación da economía para a que "hai que ter recursos, ademais de ideas".

Neste sentido, demandou que se teñan en conta" as necesidades da Galiza á hora de repartir os fondos europeos aprobados pola Unión Europea e abordar a reformulación do modelo de financiamento autonómico, ademais de adoptar a "supresión definitiva" da coñecida como 'Lei Montoro' para que "os concellos teña capacidade de actuación desde o ámbito municipal".

Ampliar a base

Ana Pontón fixou como obxectivo da organización ampliar a súa base aproveitando o tirón logrado no último ciclo electoral, en que lograron regresar ao Congreso e ser a segunda forza máis votada nos comicios do 12 de xullo.

"Estou convencida de que nese caudal de apoio hai persoas que queren colaborar co BNG dunha forma máis activa", subliñou a súa portavoz nacional, e avanzou o inicio dunha "intensa axenda de contactos" para "escoitar todos eses sectores da sociedade galega que teñen algo que achegar" e que "teñen a porta do BNG aberta".

Comentarios