Mitin en Compostela

Ana Pontón pídelle a Feijóo que "dea a cara" e aceite debater con ela

O BNG quer un debate en condicións, en prime time, nos meios de titularidade pública da Galiza. Ana Pontón intensificou a presión sobre Feijóo esta quinta feira, no mitin central de BNG Nós Candidatura Galega, realizado en Compostela.

ANA PONTON E CARLOS CALLON MITIN SANTIAGO2
photo_camera Un momento do mitin

Feijóo debe dar a cara e deixar de se agachar detrás do seu candidato, Mariano Rajoy, dixo durante o mitin unha Ana Pontón que elevou o ton de campaña contra o Partido Popular.

A líder do BNG botou man do seu rexisto máis irónico e deulle a volta ao lema de campaña do PP -agora máis que nunca:

"Agora máis ca nunca é o momento de darlle o finiquito ao señor Rajoy e en breve a Feijóo, agora máis ca nunca é o momento de liquidar as políticas nocivas para a maioría social deste país, agora máis ca nunca é o momento de dicirlle que Ence deixará de estar na Ría de Pontevedra moito antes do que acordou coa súa prórroga inmoral, e que a AP-9 será transferida a Galiza por moito que o negue Ana Pastor, nada menos que a candidata por Pontevedra!”, arengou a portavoz nacional do BNG.

O BNG dirixiu boa parte da súa artillaría contra os paracaidistas, todo un clásico das campañas galegas, isto é, a visita dos líderes españois a Galiza. Non hai campaña, dixo, que non teña "o seu día estrela do paracaidista que nesta ocasión trouxo de xira a Rajoy e a Sánchez, moi preocupados polo seu futuro, pero nada preocupados polo futuro de Galiza”.

O BNG dirixiu boa parte da súa artillaría contra os paracaidistas, todo un clásico das campañas galegas

Pontón púxose do lado das persoas que din estaren fartas pola actual situación política. Mais instounas a transformar o seu "cabreo" en voto por unha opción, a do BNG, que, dixo, ten un valor duplo: "Somos garantía de que sumaremos para derrotar o PP e, ao mesmo tempo, somos garantía de que Galiza vai ter voz propia e que daremos a  que daremos a cara por este país 365 día ao ano, cada ano de lexislatura, como sempre fixemos durante estes 20 anos [dixo en relación ao período en que o BNG tivo representación nas Cortes Xerais do Estado]".

“Entendo e comparto o voso cabreo cos culpables de non ter pasado a páxina negra do PP, de non ter aproveitado a maioría no Congreso para derogar a reforma laboral, a Lei mordaza ou a Lei Wert”, dixo Pontón para, a seguir, pedir o voto para o Bloque.

Por súa parte, Carlos Callón, número 1 ao Congreso por A Coruña, puxo en destaque unha evidencia: non vai haber maiorías absolutas e os escanos nacionalistas poden ser decisivos á hora de conformarense gobernos. "Euskadi, Catalunya e mesmo Valencia van estar, e Galiza no pode volver quedar fora”, alegou.

1 máis útil que 23

Consciente do dano que determinada leitura do voto útil pode facer ás expectativas do BNG, Callón deslizou que “un deputado do BNG vai ser máis útil para os galegos e as galegas, que 23 que teñan que pedir permiso a Rajoy, Sánchez, Iglesias ou Rivera, porque nós non entregamos cheques en branco aos aspirantes a presidente, nós negociamos con propostas concretas a favor das persoas deste país”, salientou.


 

Comentarios