Ana Pontón manterá en Dublín unha reunión coa líder do Sinn Féin, Mary Lou McDonald

Segundo informa a formación nacionalista, a reunión bilateral entre Pontón e McDonald "xuntará dúas políticas con moito en común".
Ana Pontón onte na comparecencia de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón onte na comparecencia de prensa. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, viaxará esta semana a Dublín onde manterá unha reunión bilateral coa presidenta do Sinn Féin, Mary Lou McDonald, continuando así coa axenda de contactos internacionais, que xa a levou a países como Uruguai, Chile ou Colombia.

Segundo informa a formación nacionalista, a reunión bilateral entre Pontón e McDonald "xuntará dúas políticas con moito en común".

"Ambas aspiran a presidir"

"Ambas comparten ser líderes das súas formacións, ambas comparten lograr os mellores resultados electorais da historia das súas forzas e ambas aspiran a presidir os gobernos dos seus países na próxima cita coas urnas", indican desde o BNG.

O encontro entre ambas as líderes terá lugar esta sexta feira na capital irlandesa, na xornada previa á celebración do congreso anual do Sinn Féin, ao que asistirá a eurodeputada Ana Miranda, responsábel ademais a área de política internacional dentro da executiva nacional do Bloque.

Os obxectivos

O obxectivo é abordar cuestións do momento político actual, "marcado por unha crise de prezos que impacta de cheo sobre a calidade de vida da cidadanía, cuestións como a urxencia de defender e fortalecer os servizos públicos, defender o dereito da clase traballadora fronte aos lobbys económicos".

"Preservar as conquistas sociais, así como o dereito para exercer a súa soberanía e autodeterminación dentro da Europa dos pobos é un dos nosos principais obxectivos", indican desde o BNG.

Comentarios