Ana Pontón solicita unha investigación independente do sinistro no Porriño 

A candidata do BNG á presidencia da Xunta salientou o compromiso de goberno da fronte nacionalista para modernizar os servizos e garantir a seguridade de todos os trens que circulan polo país.

Ana Pontón durante o mitin en Ferrol (Imaxe: BNG)
photo_camera Ana Pontón durante o mitin en Ferrol (Imaxe: BNG)

O BNG iniciou os actos de campaña este sábado en Ferrol chamando a converter este 25 de setembro nunha “oportunidade de deixar atrás tanto paro, tanta pobreza, tanta precariedade, desde a confianza no país”. A cabeza de lista dos nacionalistas, Ana Pontón, empezou o acto con palabras de lembranza ás vítimas do accidente de tren no Porriño e solicitou que se faga unha investigación independente sobre cales foron as causas dese sinistro”.

Pontón solicitou “que non se descarte de partida ningunha hipótese e que se adopten as medidas que sexan necesarias para garantir a vida e a seguridade das persoas que viaxan nos trens do noso país”. Nese sentido, a candidata nacionalista apuntou a necesidade de modernizar os servizos ferroviarios, en alusión á antigüidade do tren sinistrado. “Non se fixeron investimentos na súa modernización, nin na súa seguridade e, polo tanto, é necesario que haxa un compromiso claro”.

“Non se fixeron investimentos na súa modernización, nin na súa seguridade e, polo tanto, é necesario que haxa un compromiso claro”.

O lugar elixido polo BNG para o seu acto en Ferrol foron os xardíns de San Francisco, un lugar simbólico segundo a formación, que reclamou o fin dos “privilexios urbanísticos e fiscais do ministerio de Defensa, así como a recuperación para o público dos terreos e propiedade sen uso, como a Illa de Tambo”. 

Nesa liña, Pontón pediu a transferencia a Galiza das instalacións militares co fin de facer unha reordenación do espazo público. “Queremos que as funcións de emerxencia e de investigación hidrográfica e de inspeccións pesqueiras encomendadas aos militares se desenvolvan desde o ámbito público”.

Comentarios