XV ASEMBLEA NACIONAL DO BNG

Ana Pontón: “Iniciamos a refundación con vocación de apertura”

Ana Pontón (Sarria, 1977) converteuse este domingo na primeira muller que asume a portavocía nacional do BNG. Fíxoo cun discurso en que apelou a iniciar unha refundación “con vocación de apertura” e a avanzar “para ser a forza maioritaria”.

PONTON 2

Ana Pontón é desde este domingo non só a primeira muller en encabezar o BNG, senón a primeira muller en pilotar unha forza política de envergadura na Galiza. Conseguiuno co apoio do 78,5% da militancia, á que apelou a iniciar un proceso de refundación “con vocación de apertura”. Tamén chamou toda aquela persoa e colectivo “que queira tecer con nós”, en especial, a mocidade nacionalista.

"O BNG non ten vocación de resistir, senón de avanzar para ser forza maioritaria na Galiza"

Así, sinalou que o BNG traballará por se erixir nunha forza “máis áxil, máis cohesionada, con máis diálogo entre todos e todas e na que nos escoitemos máis”. “Queremos falar de todo menos dunha cousa: que somos nacionalistas e que seguiremos séndoo”, salientou. A nova portavoz nacional do Bloque apuntou que a formación frontista “non ten vocación de resistir, senón de avanzar para ser forza maioritaria na Galiza”.

O dereito á defensa da autodeterminación, a defensa da democracia e dos intereses populares, a autoorganización do pobo galego, a solidariedade internacional e antiimperialista, un modelo social contrario á dependencia e sustentábel en termos de xustiza social e unha organización transparente, democrática e asemblearia serán os vimbios que artellarán o proceso de refundación, segundo subliñou.

Papeleta nacionalista nas eleccións galegas

A respeito das eleccións galegas, a dirixente do Bloque asegurou que haberá unha candidatura nacionalista: “ten que haber unha papeleta nacionalistas nas vindeiras eleccións ao Parlamento de Galiza”. Unha candidatura, afirmou, construída de maneira colectiva, “con quen queira sumar nesa dirección”. Unha candidatura, engadiu, que supoña “un cambio real” e poñer Galiza “nun primeiro plano”.

Ana Pontón reivindicou Galiza "como pobo e como nación, e non como un anexo"

Na mesma liña, reivindicou Galiza "como pobo e como nación e non como un anexo”. “Iso é o que fai e o que fará o BNG”, apuntou, nunha clara alusión ao papel de En Marea na negociación de investidura no seo do grupo parlamentar de Podemos.

Tamén advertiu ao respeito de que “non chega só con derrotar o PP, hai que cambiar as políticas”. Entre as mudanzas, reivindicou “un novo estatus para Galiza”; “o resgate social”, “o resgate dos nosos sectores produtivos”; “o resgate da democracia” e eliminar a corrupción. “Temos que defender un programa de resgate social e nacional con centro de gravidade na Galiza”, resumiu.

O momento máis álxido da súa intervención tivo lugar cando homenaxeou, emocionada, as mulleres que contribuíron e contribúen a afortalar o BNG. Tamén lle agradeceu o esforzo aos membros da Executiva Nacional saínte, ao grupo parlamentar do Bloque, a Xavier Vence –co que se uniu nunha fonda aperta baixo os aplausos do público- e a Francisco Rodríguez, ao que lle agradeceu a súa entrega e xenerosidade.

O orgullo de militar no BNG atravesou todo o seu discurso, desde o inicio –cando lembrou como o seu pai non quería que entrase a militar en Galiza Nova con 16 anos- até o final –cando berrou o “Viva Galiza ceibe e popular” co que daba comezo o Himno Nacional. Con este discurso, a portavoz nacional quixo transmitirlle ao auditorio ateigado do Palexco que este domingo comezou un novo ciclo, “unha nova etapa ilusionante”. “Temos folgos e forzas para o facer”, aseguraba.

Comentarios