HOMENAXE DO BNG A CASTELAO

Ana Pontón: "Feixoo é o 'Calimero' da política galega"

Durante a homenaxe que o Bloque Nacionalista Galego tributa a Castelao en Rianxo, a candidata á presidencia da Xunta afirmou que Feixoo "mantén unha postura vitimista, como alma en pena, laiándose continuamente".
Foto Ana Pontón Homenaxe Castelao
photo_camera Ana Pontón durante a homenaxe a Castelao (Foto: Nós Diario)

Na homenaxe  nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) a Castelao que se desenvolveu durante a xornada de hoxe na súa vila natal, Rianxo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tivo palabras para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo: “Está emperrenchado, enfadado, e demostra ser o único galego que se enfada  cando se conseguen avances para Galiza. Feixóo non merece seguir ni un minuto máis ao fronte da Xunta, porque mantén unha postura vitimista, vai como alma en pena e laiase continuamente. Esta a converterse no Calimero da política galega”.

Pontón tamén tivo tempo para lembrar os logros recentes do Bloque: “Durante a campaña dixemos que os votos do BNG servirían para defender os intereses dos galegos e galega, e o resultado está á vista, un acordo de investidura que é a mellor noticia para Galiza nos últimos dez anos”.

“Neste último mes, o BNG demostrou a diferencia entre ser un país con representación propia no estado, ou sen ela. Co BNG no Congreso, Galiza volve a existir politicamente e volve ser un país co que hai que negociar, acordar e respectar”, engadiu.

Castelao, “figura incómoda”

A portavoz do Bloque Nacionalista afirmou que Castelao resulta unha “figura incómoda para o poder” porque “o nacionalismo é clave para o cambio político real en Galiza”.

Tras ler parte do discurso de Castelao en Bos Aires, Pontón asegurou que despois de 80 anos de seren pronunciadas esas  palabras “continua a ser unha figura incomoda que o poder tenta ocultar e manipular  porque saben que o nacionalismo é a clave para  poñer en marcha o cambio que Galiza precisa, e isto incómoda moito aqueles que queren que todo siga atado e ben atado”.

Asemade, Pontón lembrou á xeración que loitou por construír “un proxecto nacionalista do que o BNG é herdeiro”. “As voces das mulleres silenciadas como: María Miramontes, Amparo López Jeán condenadas ao exilio, mulleres aldraxadas como Coralia e Maruxa Fandiño, e Virxinia Pereira Renda que loitou durante 20 anos por recuperar a obra de Castelao espoliada polo fascismo” tamén foron recordadas pola nacionalista durante o acto celebrado diante do busto de Castelao e ante numerosos militantes, simpatizantes e cargos institucionais e políticos do BNG.

Pontón concluíu a súa intervención parafraseando a Castelao: “O verdadeiro heroísmo consiste en transformar os anceios en feitos, as ideas en realidades” e dende o BNG traballaremos nese reto para mudar a realidade”.

Comentarios