Ana Pontón: "Faremos historia tendo unha muller na Presidencia e coas mans libres para defender Galiza"

"Imos dar a sorpresa o domingo", di Ana Pontón, "se hai unha gran mobilización de toda a xente que está farta e indignada de ver como o país vai para atrás". A nacionalista anima a concentrar todo o voto a prol do cambio no BNG
Ana Pontón, Candidata do Bloque Nacionalista Galego á presidencia da Xunta da Galiza (Imaxe: Arxina)
photo_camera Ana Pontón, Candidata do Bloque Nacionalista Galego á Presidencia da Xunta da Galiza (Imaxe: Arxina)

A facer historia este domingo chama o BNG para pór na Presidencia da Galiza por vez primeira unha muller e unha nacionalista: Ana Pontón. A sarriá encarna a recuperación electoral do Bloque que, após dar a volta hai catro anos ás enquisas, disponse agora a derrotar a maioría absoluta de Feixoo e a liderar o novo Goberno galego. Con ela conversa Nós Diario cando apenas quedan horas para votar.  

—Se estas eleccións son atípicas, máis o son na Mariña. Como ve a situación?

É unha grave irresponsabilidade o que está facendo Feixoo e demostra que non lle preocupa a saúde das persoas da Mariña nin en que condicións exercerán o dereito ao voto. Ademais, é moi grave que Feixoo minimizase o rebrote polo feito de estar en campaña electoral e que mentise hai unha semana dicindo que o virus estaba controlando e que era por mor de dous bares. O brote está descontrolado, os informes falan de transmisión comunitaria e temos que responder nas urnas a tanta mentira, manipulación e irresponsabilidade do PP.

Hai que responder nas urnas á mentira e irresponsabilidade do PP

—Que tres leccións sacaría vendo a xestión que se fixo da crise?

Foi un erro non fechar Madrid e non blindar Galiza e que isto non se tivese pedido desde a Xunta. O próximo Goberno galego, que aspiro a que o nacionalismo lidere, ten que ter claro que, ante unha situación así, sexa onde sexa o rebrote, hai que fechar. De feito, na Mariña estamos vendo agora que si era posíbel blindar un territorio e que Madrid non se fechou por ser a capital do Estado e as connotacións que iso implicaba.

O noso compromiso é: sanidade pública, máis recursos e sen precariedade

A segunda lección é que a recentralización é ineficaz. A terceira ensina que non se pode actuar na improvisación constante. É moi grave que a Galiza siga sen plan nin protocolo fronte aos rebrotes. E, por suposto, é imprescindíbel reforzar a sanidade pública para protexer as persoas. O noso compromiso é claro: sanidade pública, con máis recursos, máis medios e sen precariedade no persoal. Queremos que o Sergas deixe de ser a primeira empresa de traballo temporal na Galiza e para iso hai que eliminar as taxas de reposición e convocar as 6.000 vacantes que hai no servizo de saúde.

—Cal é o seu modelo residencial?

O trato de Feixoo ás persoas maiores tradúcese en cero prazas públicas en residencias durante 11 anos. Ese é o modelo do PP, o cal beneficia empresas. Hai claros vínculos de dirixentes populares con corporacións e o que queren é facer negocio cos dereitos, e estes non se poden converter nun ben especulativo, menos aínda o dereito a unha vellez digna.

Reconstruír un país  pasa por termos un autogoberno máis forte

Cambiaremos o modelo, apostando polas residencias públicas, de xestión directa da Xunta e cun formato de centros pequenos, para permitir un trato máis humano. Ademais, hai que investigar os erros que se cometeron para que nunca máis se repitan.

—En que consiste a mesa de reconstrución que propón?

Ten que servir para pór en marcha un novo modelo de país, contando coa opinión de todo o mundo e sabendo que a Galiza non pode seguir na inercia dos últimos anos. 

Das grandes crises xorden grandes oportunidades e nós queremos cambiar o modelo, camiñando cara a unha economía verde, onde as enerxías renovábeis se usen para desenvolver o país, pondo en marcha políticas de recuperación do rural, defendendo os sectores produtivos e unha reindustrialización sostíbel. Reconstruír un país con futuro pasa por termos un autogoberno máis forte que permita ter recursos para protexer a sociedade e tomar decisións de calado sobre o noso futuro sen depender de Madrid ou Bruxelas. As galegas e galegos somos os mellores para poder definir o noso futuro.

—Iso implica dar un novo status a Galiza?

O primeiro en canto cheguemos ao Goberno é facer que se cumpra o acordado na investidura con Pedro Sánchez, pór en marcha a comisión mixta de transferencias e ampliarmos todas as competencias que fican pendentes. Mais iso é só un paso pequeno, temos que ampliar o horizonte sobre como definimos o noso autogoberno, temos un estatuto con mais de 30 anos e chegou o momento de debater sobre un novo marco político que nos recoñeza como nación, que nos permita ter un concerto económico e ferramentas para mellorar a vida da xente, dando futuro e esperanza a este país.  

—Que lle di a xente nestes últimos días de campaña?

Cousas moi bonitas, teño que recoñecelo. Moita xente dime que votará BNG por primeira vez e que o fará absolutamente convencida. 

Para que haxa un cambio real, ten que liderar o BNG o Goberno

Vexo un grande entusiasmo con que fagamos historia tendo por primeira vez unha muller na Presidencia e coas mans libres para defender Galiza. Parecía que ía ser unha campaña fría mais, a pesar da distancia física e das máscaras, estivo chea de emocións. A gran corrente de ilusión cara ao BNG segue a medrar e por iso están tan nerviosas outras candidaturas que pasaron toda campaña traendo reforzos por terra, mar e ar.

—Vese entón liderando un Goberno de coalición con entendemento entre as distintas forzas?

Sabemos que ningunha das forzas alternativas ao Partido Popular terá maioría absoluta. A cultura democrática do BNG é moi sólida e temos experiencia en Gobernos de coalición, mais tamén teño claro que para que haxa un cambio real o Goberno teno que liderar o Bloque Nacionalista Galego.

Comentarios