Ana Pontón fai un chamamento á mocidade a que o Día da Patria saía á rúa a "mostrar a estreleira"

Sen mocidade nen o nacionalismo nen Galiza teñen futuro. Desde desa convicción a líder do BNG, Ana Pontón, fixo este domingo un chamamento directo ás mozas e aos mozos a que participen masivamente na manifestación do Día da Patria Galega. "Fronte aos que queren que o nacionalismo retroceda, temos que saír con máis forza", dixo a candidata do BNG á presidencia da Xunta.

Ana Pontón homenaxe a Rosalía e Castelao 24 de xullo e 2016
photo_camera Ana Pontón

Un apelo á mocidade galega para que saía á rúa o Día da Patria Galega a mostrar con "orgullo" a "estreleira". Esa foi a idea forza que vertebrou o discurso de Ana Pontón durante o xa tradicional acto de homenaxe a Rosalía e Castelao que cada 24 de xullo realiza Galiza Nova e que desta volta tivo como cenario os xardíns de Bonaval.

O convite foi especialmente dirixido a aquelas mozas e mozos que aínda non se estrearon nun Día da Patria. "Mellor que cazar pikachus" -brincou a portavoz nacional do BNG, en alusión ao Pokemon Go, o vídeoxogo que se está a converter nun fenómeno de masas- "o 25 saíamos á rúa a mostrar con orgullo a estreleira", dixo.

Ana Pontón (2) homenaxe a Rosalía e Castelao Galiza Nova 24 de xullo de 2016Desde hai uns días enfatiza Ana Pontón a idea de que o Día da Patria Galega debe ser o primeiro acto de masas dunha mobilización xeral que desaloxe Feijóo de Monte Pío. Este domingo introduciu un novo matiz: a marcha debe ser tamén a prol "dunha Galiza sen emigración, con emprego digno e dona do seu futuro".

Nesa mesma liña, a candidata nacionalista chamou á participación na marcha do Día da Patria "a todas as persoas que defenden a lingua e a cultura, que defenden que Ence saia da ría de Pontevedra, todas as persoas que defenden os dereitos sociais e os servizos públicos, as que queremos igualdade real e estamos fartas de ver como as administracións non toman medidas reais contra a violencia de xénero".

Tamén concibe a líder do BNG a manifestación deste Día da Patria como unha oportunidade para mostrar que miles de galegas e galegos queren parar a dereita do PP sen sucursalismos. "Fronte aos que queren que o BNG, que o nacionalismo retroceda, temos que saír con máis forza que nunca ás rúas de Compostela. Para pararlles os pés á dereita e ao centralismo, temos que confiar nas forzas propias e non converternos en sucursais de partidos estatais".

Comentarios