BNG comprométese a destinar 1,5% do PIB á universidade pública

"A aposta polo coñecemento e a innovación é aínda máis importante nun momento de crise", salienta a líder nacionalista.
Captura da reunión virtual de Pontón e Sanmartín cos tres reitores (BNG).
photo_camera Captura da reunión virtual de Pontón e Sanmartín cos tres reitores (BNG).

"Cómpre unha defensa férrea, por terra, mar e aire, da universidade pública", salientou esta terza feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, após unha xuntanza virtual cos reitores das tres universidades galegas: Antonio López, da Universidade de Santiago de Compostela; Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo; e Julio Abalde, da Universidade da Coruña.

"O noso Goberno será o muro de contención que evite a privatización das universidades e a creación dunha universidade privada no país", afirmou Pontón, que cualificou como "gravísimo" o último "intento de privatización" do ensino superior por parte do Goberno de Alberto Núñez Feixoo.

Propón un "novo plan de financiamento" da universidade pública, pactado cos reitores, co obxectivo de destinar 1,5% do PIB da Galiza a "fortalecer" o futuro desta institución, no que unha das chaves sexa "a investigación".

A candidata nacionalista lembrou que "a aposta polo coñecemento e a innovación é aínda máis importante nun momento de crise" e criticou que Feixoo manteña unha actitude "temeraria" e conduza "en dirección contraria apostando pola privatización" cun plan de reactivación non se menciona a innovación.

Así mesmo, recalcou a necesidade de "rematar co lastre da taxa de reposición" para  que as universidades "poidan contar con todo o talento docente e investigador ao máximo nivel".

Transferencia da xestión das bolsas a Galiza

Neste sentido, Ana Pontón manifestou que o BNG quere camiñar cara a unha universidade "gratuíta" reducindo as taxas até eliminalas e que traballará para lograr a transferencia á Galiza da xestión e concesión de bolsas para o estudantado.

Ademais, incidiu en que as bolsas teñen que contemplar a situación excepcional que deixa a COVID-19. "Temos que evitar que ningunha persoa quede sen acceso á universidade por cuestións económicas e que ninguén se quede sen poder rematar unha vez dentro", aseverou.

"No BNG queremos unha universidade forte ao servizo do país", apuntou, para engadir que é preciso "avanzar na cooperación entre campus" e garantir "unha universidade galega e en galego", cun maior vínculo coa rede lusófona.

Comentarios