Ana Pontón cualifica de "temeridade" que o Goberno estea "paralizado"

Considera que o próximo presidente do Executivo "non será o resultado dunha decisión dos galegos", senón dun "dedazo" do PP.
A portavoz do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa esta pasada segunda feira.
photo_camera A portavoz do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa esta pasada segunda feira.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu en que é "unha temeridade" que "no medio dunha crise", a Galiza teña un goberno "paralizado" e sinalou que "o que fai nestes momentos o Partido Popular é unha falta de respecto institucional, de respecto a Galiza e a todos os galegos, especialmente aos que confiaron na súa palabra".

"Preocúpame que, nun momento de crise, un goberno paralizado non está a ser capaz de pór nin unha soa medida para darlle aire aos galegos que están a sufrir a maior crise de prezos dos últimos 37 anos", afirmou.

 

Ademais, censurou que Núñez Feijóo continúe cobrando como presidente da Xunta, pero traballe "exclusivamente" para o Partido Popular.

Nesta mesma liña, apuntou que nestes momentos hai "dúas cousas evidentes": que Feixoo é "o pasado" e que o próximo presidente do Executivo "non será o resultado dunha decisión dos galegos", senón dun "dedazo" do PP e do aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "a condición de que sexan capaces de solucionar as súas loitas internas de poder".

Pontón subliñou que a Galiza "merece respecto" e engadiu que "merece un goberno pendente dos seus asuntos e non mirándose o embigo do PP".

Na pasada terza, nunha sesión de control no Parlamento, Pontón preguntáralle a Feixoo até cando ía ter paralizado o Goberno, sen obter resposta do presidente.

Nos últimos días, Pontón urxiu o presidente da Xunta a dimitir para activar o proceso sucesorio e sacar da "pausa" na que, declarou, está sumido o Goberno galego "polas leas internas e a corrupción" do Partido Popular. 

Comentarios