Ana Pontón ve a man do PP tras os ataques do sindicato de policía ao BNG

A deputada nacionalista entende que as declaracións de José Freire poñen en entredito principios como o da ''imparcialidade'' das forzas de seguridade. E ve interese d@s populares na campaña de ataques ao BNG ''para distraer a atención'' de problemas como a corrupción.

ponton

Ana Pontón considera as acusacións verquidas contra o BNG polo secretario xeral de SUP en Galiza como “desafortunadas” e acordes coa estratexia do Partido Popular. Así o manifestou a deputada nacionalista nunha entrevista na Radio Galega ao ser preguntada polas declaracións de José Freire (acusou a parlamentares do BNG de seren “hooligans” e “incitar á violencia”).

Pontón afirmou que Freire debería “rectificar” esas declaracións e apuntou a que as mesmas puñan en entredito un dos principios que deben seguir as forzas de seguridade, “como é o da imparcialidade política”. Considera, aliás, que o realmente grave é que houbo “unha actuación desproporcionada contra mariñeiros que simplemente pedían unha solución a un problema”, en referencia ao cerco.

Tapar escándalos

A deputada do BNG tamén entende que hai un interese do PP en crear campañas contra o BNG pola súa coligación ás europeas e intentar así “distraer a atención” de graves problemas que ten, como a corrupción. Defendeu que o 25 de maio aquela persoa que queira votar BNG “vai poder votar o BNG, con papeletas co logo do BNG”. Defendeu, así, a necesidade de apoiar a opción do nacionalismo galego “para que Galiza teña presenza directa en Europa, para modificar unha UE que é dos estados e das transnacionais e non dos pobos; e para que se respecten os dereitos sociais”.

Comentarios