Ana Pontón: "Primáronse a coherencia, os principios e ter un proxecto de país de futuro"

Con "moito agradecemento". Así vive Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e líder da oposición, os días posteriores a conseguir a formación que encabeza os seus mellores resultados nunhas eleccións galegas. Con humildade, acredita en que son froito do traballo colectivo dunha organización que ten na súa militancia gran parte da súa fortaleza.
Ana Pontón, Candidata do Bloque Nacionalista Galego á presidencia da Xunta da Galiza (Imaxe: Arxina)
photo_camera Ana Pontón (Imaxe: Arxina)

Ana Pontón dirixe un BNG que conseguiu pasar dos 6 escanos no Parlamento da Galiza aos 19. Uns resultados que a converten en líder da oposición. "Neste momento tócame a min dar a cara, como lle podería tocar a calquera outro compañeiro ou compañeira, porque afortunadamente temos unha canteira inmensa no nacionalismo e esa é a nosa fortaleza", sinala, dando mostras da súa sinxeleza e modestia.

Unha das principais sorpresas da noite electoral foron os resultados do BNG. Que destaca deles?

En primeiro lugar, quero dar as grazas ás máis de 300.000 persoas que o pasado domingo sei que votaron con tremenda ilusión pola candidatura do BNG e quero dicirlles que empeza un novo ciclo e que realmente o domingo non acabou nada. Hai un enorme caudal político ao redor do proxecto que representamos e estamos máis perto de conseguir ese obxectivo. O que se viu nesta campaña é que a Galiza ten unha dinámica propia, que a Galiza apostou por aparecer como pobo e fíxoo cunha tremenda ilusión ao redor do proxecto do BNG. Non se trata só de desaloxar o PP, senón de ter un proxecto alternativo e hoxe ese proxecto é máis forte. Estou convencida de que en 2024 conseguiremos que por fin Galiza teña un Goberno liderado polo BNG.

Estamos vendo que a sociedade ten un apego aos partidos políticos moi diferente ao apego dos noventa

A que responde ese aumento de votos?

Aquí hai un traballo moi intenso feito durante anos, mais tamén nestes últimos catro fixemos unha aposta pola renovación do BNG, que está a dar os seus froitos, partindo duns principios e do recoñecemento a todo un traballo que leva feito esta organización. Penso que tamén se prima a coherencia, os principios e, sobre todo, ter un proxecto de país de futuro. É certo que temos ese obxectivo non cumprido que era poder pór en marcha un Goberno alternativo, mais ao longo destes dous días o que me sorprendeu máis é que a xente se dirixe a nós cunha tremenda ilusión e dinos "en 2024 estaremos aí". Imos traballar estes catro anos para seguir construíndo esa hexemonía social ao redor do BNG e para dar unha alternativa de futuro a este país.

Aludía á renovación. Un BNG con moitísimas mulleres á fronte, nun gran cambio de ciclo que se percibe a nivel social.

Penso que neste século estamos vendo unha nova vaga do feminismo que trae as ansias de moitas mulleres que non aceptan ter que seguir vivindo nunha sociedade que nos discrimina con violencias machistas e que cren que necesitamos dar un gran salto cara á igualdade. E na Galiza está sendo o nacionalismo quen, a nivel político, canaliza esa ansia de trasladar que necesitamos vivir nunha sociedade e nun país   no que as mulleres sexamos libres e iguais. Nestas eleccións moitísimas mulleres votaron o BNG co soño de poder ter por vez primeira unha presidenta na Galiza. Sempre digo que temos que estar en política non para ocupar un espazo, senón para cambiar a realidade e para que este sexa un país en que as mulleres poidan saír dese chan pegañento, da precariedade, da falta de oportunidades, de ter que superar máis barreiras... As mulleres que hoxe estamos no BNG, e ademais con moitas responsabilidades, tanto na Executiva como a nivel institucional, somos debedoras de todo o que outras fixeron por nós, e temos que traballar para que realmente todo ese ímpeto e as ansias de transformación que trae o feminismo eclosionen na política e o fagan para quedar e para que as que veñen detrás teñan máis oportunidades.

 O PP na Galiza marca diferenzas a respecto do Estado por unha cuestión táctica, mais a efectos prácticos Feixoo representa exactamente o mesmo que Casado

Escoitando determinadas análises dos resultados electorais, dá a sensación de que Galiza non existe politicamente. Os resultados son consecuencia dunha dinámica endóxena, do propio país?

Vimos que nunhas eleccións galegas a dinámica é moi diferente. De feito, creo que se votou e houbo un debate moi en chave de país, moi centrado na propia realidade galega e hai unha aposta clara na que vai calando o discurso do BNG. Cada vez hai máis galegos e galegas que cren que se necesita un proxecto propio, centrado en nós, e que teña como obxectivo defender os intereses deste país. Tamén hai unha reacción fronte a ese centralismo que se leva producindo na última década. Estamos vivindo unha nova onda nacionalista que vai medrar con forza. Para iso nós tamén temos que seguir traballando nunha liña na que penso que acertamos, cando deixamos moi claro que o nacionalismo é quen defende unha alternativa social e é quen está centrado nos problemas que ten a xente.

O feito de que o PP tirase de "Galicia, Galicia, Galicia" e de que nin Vox nin Ciudadanos nin Podemos obtivesen representación amosa esa dinámica propia da Galiza?

É evidente que Galiza é unha nación e iso ten un peso na dinámica política. O PP na Galiza marca diferenzas a respecto do Estado por unha cuestión táctica, mais a efectos prácticos Feixoo representa exactamente o mesmo que Casado. Nós aí temos un reto, que é desmontar esa imaxe que teñen algúns galegos que cren que o PP defende os intereses da Galiza. Iso non deixa de ser unha fraude en termos políticos e prácticos, pois nos últimos anos o único que nos demostrou Feixoo é que a súa principal preocupación é a defensa do PP e unha idea de España que é exactamente igual que a que pode defender Casado. O que para min foi máis novidoso desta cita electoral é que por vez primeira se rompeu o que parecía que era unha tendencia: parecía que se o PSOE estaba forte no Estado iso debilitaba o papel do nacionalismo. Demostramos que era posíbel un proxecto propio e romper esa tendencia. Iso ábrenos unha liña de traballo de futuro moi grande. Non temos que poñernos límites

(Podes ler o artigo íntegro no teu Nós Diario de hoxe, á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loxa)

Comentarios