Entrevista

Ana Pontón: "O BNG pode dar un gran salto adiante"

"Estou convencida de que 2020 vai ser o ano do cambio na Galiza", asegura Ana Pontón na conversa con Nós Diario após a súa confirmación como candidata do BNG á Xunta.
Ana Pontón no seu depacho no Parlamento da Galiza (Arxina).
photo_camera Ana Pontón no seu depacho no Parlamento da Galiza (Arxina).

Ana Pontón xa comezou a súa carreira á Xunta e este domingo reúnese coa militancia nun acto en Compostela (no auditorio Abanca ás 12 horas) para presentar as bases do seu proxecto para o país. O Bloque Nacionalista Galego inicia a precampaña para as eleccións co logro de ter desbloqueado a transferencia de competencias do Estado ao país.

—O domingo presenta a súa candidatura, como vai decorrer?

Este é un acto importante para nós porque lanzamos a alternativa do BNG de cara ao gran reto que temos nas eleccións galegas. E farémolo acompañados por sectores sociais moi diversos que o que queren encarnar é que nós temos unha alternativa para a maioría social deste país. Imos a por todas e temos as portas abertas para todos os sectores que queren construír unha alternativa desde aquí. 

—Participará persoal do hospital de Verín, que está a significar esta mobilización?

Levamos uns anos nos que os recortes ideolóxicos do Partido Popular fixeron da sanidade un foco de resposta social fronte ás políticas lesivas que están a aplicar no país. O que está a pasar en Verín recolle a testemuña do que pasou noutras áreas e é especialmente sensíbel porque se está xogando cos dereitos das  mulleres embarazadas e da infancia. Ademais, o PP tivo que ir desdicíndose e a cidadanía viu que o que pretendían era pechar o hospital comarcal. Con todo, estamos vendo que mobilizarse serve. Creo que hai unha mecha que prendeu en Verín que se está a estender por todo o país.

Agora mesmo Feixoo tería perdidas as eleccións"

—Unha mecha que dá paso a unha precampaña coa incerteza de cando vai convocar o presidente da Xunta as eleccións.

Teño moi claro que Feixoo vai convocar cando el pense que lle vai ir mellor e que agora mesmo se convocase tería perdidas esas eleccións. En todo caso, hai uns resultados que nos indican a perda de apoio do PP. Estou convencida de que 2020 vai ser o ano do cambio na Galiza, pero para que sexa real, o nacionalismo ten quen coller o temón desa alternativa. Os cambios de persoas se non levan detrás un cambio de modelo non funcionan e Galiza ten que superar o modelo da submisión e da dependencia.

—Como ve vostede o BNG?

O que sinto eu persoalmente, que se basea no que nos van dicindo as enquisas, nos últimos datos electorais e no que sentimos nas rúas, é que o BNG está nun momento no que pode dar un gran salto adiante nas vindeiras eleccións galegas. O resultado vai depender tamén do traballo que fagamos estes meses. Sei que é un reto complexo, pero posíbel. Imos traballar para que o BNG lidere o cambio político na Galiza.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios