Ana Pontón asegura o desaloxo de Feixoo nas eleccións galegas

O BNG pon en marcha o proceso de designación da candidatura á presidencia da Xunta e aclara que non votará a favor da investidura de Sánchez a cambio de “cheques en branco”.
ana pontón consello nacional bng
photo_camera Intervención de Ana Pontón no Consello Nacional do BNG.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, afirma que a súa formación traballará “para que en 2020 se produza un cambio político” na Galiza. E remarcou que para que sexa “real” terá que xirar ao redor do BNG”, ao que situou como “a alternativa de futuro capaz de darlles solucións aos problemas sociais e económicos” do país.

Na súa intervención, após a reunión do Consello Nacional do partido, Pontón referiuse ao “novo escenario político da Galiza” que deixa ao Partido Popular co “segundo peor resultado da súa historia”; un datos, dixo, que lle impedirían a Feixoo renovar a “maioría absoluta nas próximas eleccións de 2020”.

Goberno de coalición

Doutra banda, a voceira do BNG aclarou que a súa formación “non ten decidido cal vai ser a súa posición de voto na investidura” do Goberno de coalición pactado por Pedro Sanchez e Pablo Iglesias.

Neste sentido, Ana Pontón sinalou que o BNG vai ser un “muro firme na defensa de Galiza” porque "o escano do BNG é o escano de Galiza". Explicou que a formación nacionalista non marca “liñas vermellas” máis non votará a favor a cambio de “cheques en branco”.

O apoio do BNG “vai estar condicionado á receptividade da axenda galega, á defensa da democracia, os dereitos e as liberdades, e ao respecto ao marco da plurinacionalidade". E asegurou que no arranque das negociacións, a vindeira semana en Madrid, o deputado Nestor Rego será o interlocutor dun partido “disposto a falar”, aínda que “dialogar non é compartir un monólogo”.

Candidatura á Xunta

Ana Pontón confirmou, ademais, a apertura do prodeso para a designación da candidatura á presidencia da Xunta, que se vai estender até o 18 de xaneiro de 2020.

 

Comentarios