Ana Pontón, en Arzúa: "Nunca permitimos que gobernase a dereita cando dependeu de nós"

A estratexia de Feijóo en precampaña é clara: ou el ou o caos, o PP como única garantía de estabilidade. A ese mantra conservador -que tenciona asimilar a situación galega ao bloqueo español- respondeu esta segunda feira a candidata nacionalista á presidencia da Xunta, Ana Pontón.

Pontón e Mini na feira de Arzúa, 22 agosto 2016
photo_camera Ana Pontón e Xosé Luís Rivas, Mini.

A líder do BNG aproveitou un acto de precampaña en Arzúa -no que estivo acompañada polo número 2 da lista por A Coruña, Xosé Luís Rivas, Mini- para deixar a mensaxe de que o apoio ao Bloque é sempre garantía de non goberno do PP. "Nunca permitimos que gobernase a dereita cando dependeu de nós, mentres que Podemos e o PSOE foron incapaces de dar unha alternativa ao PP", dixo.

O BNG reiterou esta segunda feira a súa disposición a estabelecer diálogos e acordos post-eleitorais visando enviar Feijóo á oposición, práctica histórica da formación soberanista: "Temos moi claro e practicamos o diálogo cando non hai maiorías absolutas, e temos a man tendida a acordos que signifiquen cambios nas políticas que hoxe lastran o país, que deixaron a moita xente tirada e que provocan paro, precariedade e deterioro dos servizos públicos”, alegou Pontón en Arzúa.

"O BNG", acrescentou, "nunca permitiu que gobernase o PP cando dependeu de nós e sempre defendemos políticas socias avanzadas. Nesa mesma dirección imos traballar a partir do 25 de setembro, pero antes teñen que falar nas urnas os galegos e as galegas”.

Pontón fixo estas declaracións durante a súa visita á feira de Arzúa, concello en que deu a coñecer as alternativas nacionalistas para revitalizar o meio rural galego.

Mudanza para o rural

A chave de bóveda da mudanza que precisa o campo galego é a recuperación do sector agro-gandeiro, enfatizou, sen a cal non será posíbel fixar poboación no rural. "Os nosos produtores sofren os prezos máis baixos do leite, sete de cada dez explotacións pechadas no Estado eran galegas e, desde que goberna Feijóo desapareceron 1.300 en Galiza. Con esta política o que pechamos é o medio rural e avanzamos cara ao despoboamento”, afirmou Pontón.

Propostas concretas

A candidata do BNG á presidencia da Xunta explicitou dúas propostas concretas para o sector primario galego: primeira, negociar unha quita das débedas bancarias dos produtores leiteiros (que tiveron que pedir emprestado diñeiro para mercar unhas cotas que agora desaparecen); e segunda, unha nova política de xestión forestal que aposte nas especies autóctonas e na transformación da madeira (Galiza, revelou Pontón, achega o 40% da madeira serrada no Estado, mais só o 7% da transformada).

Comentarios