Resposta ás críticas polo seu posicionamento sobre Resistencia Galega

Ana Pontón: "Se alguén neste país tivo morneza con comportamentos delictivos é o PP"

As declaracións realizadas por Ana Pontón após a detención de presuntos integrantes de Resistencia Galega foron duramente criticadas polo PP, cuxo secretario xeral, Miguel Tellado, instou a líder nacionalista a que explicase "cales son os vínculos ou afectividades do BNG con RG". Ante os dardos do PP, Pontón respondeu esta segunda feira con contundencia: "Se alguén neste país tivo morneza con comportamentos delictivos é o PP". "Quero lembrar que temos un presidente que durante anos foi amigo dun narcotraficante [Marcial Dorado]", dixo.

DSC_0424
photo_camera Ana Pontón, esta segunda feira 24X [Foto: BNG]

Como cabía agardar, o PP usou munición de groso calibre contra a líder do BNG após esta ter dito que había que respectar a presunción de inocencia das persoas detidas durante unha operación contra Resistencia Galega.

Facendo abstracción de que en todo momento Pontón puxo por diante que o BNG rexeita a violencia e só defende a loita política democrática e pacífica, Miguel Tellado instou a líder soberanista a que explicase "os vínculos ou afectividades" da formación frentista con RG.

A resposta de Pontón chegou esta segunda feira ao ser interpelada ao respecto durante unha conferencia de imprensa no Pazo do Hórreo. E a réplica non ficou atrás canto á dureza.

"Estou sorprendida pola desesperación do PP. Quere xerar polémicas onde non as hai", dixo e a seguir xa puxo no albo a formación conservadora: "Se alguén neste país ten tido morneza con algún comportamento delictivo é o PP. Quero lembrar que temos un presidente que durante anos foi amigo dun narcotraficante. É o PP quen nos ten que explicar os seus vínculos co narcotráfico".

"Quero lembrar que temos un presidente que durante anos foi amigo dun narcotraficante. É o PP quen nos ten que explicar os seus vínculos co narcotráfico"

A líder do BNG convocara os medios para avaliar o comezo da precampaña por parte do Goberno Feixoo —"o país precisa un goberno cun proxecto serio, non un gabinete pre-electoral"—, porén as e os xornalistas mostraron máis interese en coñecer as opinións de Pontón sobre a situación do grupo de En Marea, fracturado entre a ala villarista e o tripartito Podemos-Esquerda Unida-Anova.

"Nunca avalío os problemas internos doutras organizacións. Nin o fixen durante este tempo nin o vou facer agora", dixo. En todo caso, e perante unha pergunta concreta de se o BNG pensa que pode sumar novos apoios grazas á crise da confluencia, Pontón repuxo: "Se hai moitas galegas e galegos que volven mirar para o Bloque é porque estamos facendo ben as cousas, cun proxecto renovado, e porque temos unha organización sólida que traballa con humildade e rigor".

Remarcou tamén que os problemas políticos do país non se resolven mudando a "submisión a Raxoi" pola "submisión a Sánchez". "Galiza necesita un proxecto propio" e o BNG teno. Un proxecto que non se explica en función dos avatares polos que atravesen outros "espazos políticos", alegou.

A posición sobre o binormativismo

Pontón lidou tamén cunha pergunta sobre se o BNG respalda ou non a aposta de sectores do reintegracionismo en favor do chamado binormativismo, isto é, a prol de que no galego teñan o mesmo grao de oficialidade a norma vixente da RAG e a grafía harmónica co portugués.

Pontón remarcou que os problemas políticos do país non se resolven mudando a "submisión a Raxoi" pola "submisión a Sánchez"

Sen entrar no fondo do asunto —"a cuestión que plantexas ten moita profundidade e merece análise e diálogo—, a voceira nacionalista aproveitou a ocasión para "parabenizar a Real Academia Galega polo nomeamento de Carvalho Calero [para o Día das Letras 2020]".

"Había moitas persoas que con razón viñan reivindicando esa candidatura. É unha grande noticia para as nosas letras. Trátase dunha figura imprescindíbel da nosa literatura e tamén da reivindicación da normalización do galego e da súa difusión no ámbito internacional", dixo. Os "vínculos claros" da lingua coa lusofonía constitúen "unha oportunidade moi grande" para o idioma e a cultura do país, resaltou.

En todo caso, Pontón esclareceu que na súa opinión o problema fundamental do galego non se acha na súa norma escrita, senón no seu devalo social e na "perda moi importante de falantes" que está a rexistar, pola quebra da "transmisión xeracional". O retroceso do galego non sería un fenómeno espontáneo, senón que estaría sendo "inducido" polo PP e por Feixóo.

"O grande reto que temos por diante é reverter esa situación. Desde logo, o recoñecemento de que facemos parte do mesmo tronco que o portugués ábrenos unha oportunidade inmensa", concluíu.

Comentarios