Pensar a Galiza pos-Covid

Ana Miranda: "Galiza podería ser a primeira potencia europea en investigación científica sobre o mar"

Ana Miranda, eurodeputada desde 2012, é sen dúbida unha das persoas que mellor coñece as engrenaxes da Unión Europea, que está chamada a xogar un papel fundamental na sociedade pos-covid. Temas como a transición verde, o apoio á investigación ou a posición xeopolítica no novo taboleiro internacional exixen a máxima atención da cidadanía europea. Conversamos con ela sobre a política de solidariedade entre Estados, sobre os retos que enfronta Europa no futuro inmediato e sobre o papel da Galiza no complexo crebacabezas da Unión. 
ana miranda
photo_camera Ana Miranda, no campamento de Moria (Grecia), en marzo (Foto: Nós Diario)

Como cambiou a pandemia o papel da Unión Europea a respecto dos Estados membros?

Está claro que a situación modificou as tensións comunitarias como as distintas políticas e mesmo o marco financeiro no que se basean os orzamentos. As negociacións que houbo poñen en evidencia a oposición entre os países "pagadores" e os "receptores" de axudas. Iso foi clarísimo coa polémica habida entre os países chamados frugais e os máis afectados pola pandemia. O que se pon en evidencia é a falta de solidariedade: aínda que pareza que os fondos responden a un fin solidario, as tensións e os atrasos amosan as dificultades que está tendo a idea inicial da Comisión de que estes fondos estivesen dedicados a paliar as desigualdades provocadas pola crise sanitaria. Que a día de hoxe, seis meses despois do inicio da pandemia, aínda non haxa fondos dispoñíbeis xa di moito da lentitude con que se toman as decisións en Bruxelas.

Vai haber axudas, mais non creo que sexan suficientes para resolver os desequilibrios existentes, nin os derivados dos mecanismos de estabilidade macrofinanceira nin os que son produto das diferenzas en materia de infraestruturas e de falta de investimentos entre centro e periferia. É evidente que servirán para conter os problemas máis apremantes, pero os conflitos de fondo permanecen intactos.

O peor de todo isto é que se están creando expectativas moi grandes e, ao final, non sei en que medida as axudas chegarán ao cidadán que perdeu o traballo, que tivo que fechar un negocio ou que está nunha situación penosa.

Nun primeiro momento, a reacción foi contraria á que houbo ante a crise de 2008 e difundiuse a idea de que non iamos repetir as receitas de austeridade, mais agora esta postura está matizándose moito.

É unha postura que se comprende desde o punto de vista dos intereses estratéxicos dalgúns países. Esa solidariedade, e mesmo as obrigas da política de cohesión, non é a que domina nas negociacións. As diferentes posturas dos Estados xa existían e a pandemia non as mudou. É certo que se deron algunhas facilidades para acceder a algúns fondos, mais hai que ter en conta as condicións nas que ese diñeiro chega, con que condicións e con que prazos de devolución.

E dentro deste novo panorama que se está debuxando, que papel vai ter a Galiza no futuro próximo? Pois temos que ter en conta a situación: un Parlamento galego configurado por tres forzas e un Parlamento español moito máis variado pero cunha maioría de signo distinto á que temos aquí. E estamos nun momento de negociación de fondos do marco financeiro plurianual e tamén nun final de período orzamentario dos fondos de cohesión e dos de investimento (o Fondo Social Europeo, os Feder e outros).

Por unha banda, Galiza pode perder até o 30% dos Fondos de Cohesión do período 2014- 2020 que están orzamentados porque a Xunta non tivo capacidade para executalos. Por exemplo, desde 2017 hai unha partida para o saneamento da ría do Burgo que aínda non comezou por incapacidade da Xunta da Galiza.

Pola outra, tanto na discusión sobre o Marco Financeiro Plurianual como nos Fondos Extraordinarios de Recuperación, deberiamos loitar para que mudasen os criterios cos que se outorgan estes fondos, un criterio que impoñen Bruxelas e Madrid. O Estado acaba de presentar un plan pero sen contar coas Comunidades Autónomas. Galiza debería ter unha posición activa e defender outros criterios na concesión deses fondos, mais a Xunta está desaparecida nese debate. E nese campo temos moito que facer e defender para lograr que eses criterios muden de acordo coas nosas necesidades.

ten moitas bazas para converter a crise nunha oportunidade: temos recursos naturais; temos sectores produtivos potentes como o da alimentación, que se demostrou esencial durante a pandemia; temos a oportunidade de transformarnos en vangarda da investigación científica coa creación dun polo ciencia-mar-pesca, onde poderiamos ser a primeira potencia europea… Ás veces o principal problema é que non cremos en nós mesmos pero – por seguir con ese exemplo– a maior concentración europea de científicos dedicados ás ciencia do mar está en Vigo. Se somos capaces de artellar políticas de reconstrución e apertar para que se posibilite a súa implementación, temos moito que dicir na Europa do futuro. 

A entrevista na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu

Comentarios