Dentro do grupo Verdes-ALE

Ana Miranda tomará posesión como eurodeputada o 28 de febreiro

O BNG contará desde o 28 de febreiro cun escano no Parlamento Europeo que volverá ocupar Ana Miranda. A defensa dos sectores produtivos, a loita contra a precariedade laboral e a defensa de Galiza como nación serán as súas prioridades.

Ana Miranda Bruxelas
photo_camera Ana Miranda

Ana Miranda collerá o relevo de Josu Juaristi dentro da coligazón Os Pobos Deciden o 28 de febreiro e representará o BNG na Eurocámara até maio de 2019, cando finaliza a lexislatura. Farao dentro do Grupo Verdes-Alianza Libre Europea/ALE, que integra forzas nacionalistas e do que o BNG fai parte.

Nun comunicado enviado aos medios, o BNG pon de manifesto que a toma oficial do escano “permitirá reforzar a capacidade de actuación política para sacar adiante as cuestións que afectan o país, en particular as vinculadas aos sectores produtivos estratéxicos como pesca ou agricultura, moi dependentes do que marca Bruxelas, en materia de  medioambiente, co saneamento integral das rías aínda pendente, a cuestión de ENCE, a eucaliptización do país, ou a ampliación da Rede Natura en Galiza”.

Aliás, o BNG sinala que fará fronte “aos tratados comerciais neoliberais” e que reivindicará “a posición de Galiza como nación sen Estado”. Tamén denunciará “a involución democrática no Estado español co recorte de liberdades que supón a chamada Lei mordaza”. E todo, engade a formación nacionalista, “sen perder de vista a solidariedade con outros pobos do mundo e reivindicando unha política de asilo e acollida de refuxiadas e refuxiados digna de tal nome”.

Unha eurodeputada sen escano

Malia non contar con escano na Eurocámara, a representante do BNG en Bruxelas veu desenvolvendo un intenso traballo político nos últimos anos, coa presentación de iniciativas a través de representantes da coligazón.

O BNG lembra os logros froito do traballo en Bruxelas. O sector do xeito, dada a súa condición de pesca artesanal, puido gañar a batalla para non ser incluído dentro das redes de arrastre prohibidas. Tamén froito dese labor e grazas á loita da familia das vítimas do sinistro do Alvia, a Comisión Europea emitiu un informe para reclamarlle ao Estado español unha investigación independente sobre o accidente de Angrois.

Ana Mirande tamén presentou iniciativas nos últimos meses en relación á vaga de lumes, á persistencia do espolio do patrimonio do pobo galego por parte dos herdeiros de Franco ou á exclusión de Galiza do corredor atlántico de mercadorías.

Comentarios