Ana Miranda: ''No BNG deixámonos o corazón e a pel na defensa deste país”

A candidata do BNG recoñece estar, malia os 26.000 Km de campaña ás costas, ''ilusionada coa calor da xente''. Insiste en que a papeleta ao Bloque é a mellor opción para desde Galiza e como pobo construír unha Europa de iguais.

anamiranda
photo_camera Fotos: Delmi Álvarez

Ana Miranda, viguesa nada en Cuntis, é a candidata do BNG nas eleccións que terán lugar este domingo, 25 de maio. “A min non me cambiou o cargo”, advirte entre sorrisos cando se lle pregunta polos 18 meses de eurodeputada. Acredita que desde Galiza e como nación é como mellor se pode construírse unha Europa dos iguais.

- Estamos xa na recta final de campaña, fican forzas?

- De campaña e pre-campaña (risos). Levamos xa 26.000 kilómetros. Percorremos vilas e cidades falando coa xente, reunímonos con entidades, plataformas, colectivos, organizacións, movementos sociais... Creo que podemos dicir que temos unha radiografía clara da situación do país. E notamos o apoio e calor da xente. Ademais, é un gusto ver e compartir coa militancia, que está activa, esforzándose,...

"A xente ben se dá conta de que nos queren ocultar e marxinar, e tamén por que"

- A marxinación nos medios públicos galegos está a marcar estes días a axenda...

- Esta campaña ten algo de unfear play [xogo suxo], de condicións de xogo inxusto, co que están a facer os poderes fácticos, os de sempre, os do bipartidismo. E esa 'censura' é un paso máis. Pero a xente é intelixente e ben que se dá de conta de que nos queren ocultar e por que. Quero agradecer publicamente a toda aquela xente que, mesmo por riba de opcións políticas e ideas, mostrounos o seu apoio e solidariedade, esas persoas que ante todo souberon ser demócratas.

- Está a resultar esa 'marxinación' nos medios ou ese constante se referir á coligación con EH Bildu?

- Nós temos claro que a bandeira da dignidade e da liberdade non a imos a baixar e que non nos van calar. Quérennnos afogar porque non aceptamos este sistema. Sabemos o que defendemos e por que. E con esas medidas e acusacións non nos van derrotar. É máis, notamos como a xente nos transmite ánimos e apoios.

"Humildemente, creo que demostramos que se pode facer política doutra forma" 

- Ten sinalado a abstención como un dos riscos que hai que despexar para este 25M. Como convencería a un abstencionista de que a votase?

- O voto é unha boa oportunidade de se mobilizar contra os que nos negan os dereitos como pobo e como persoas. De responder aos que nos empobrecen, aos que se están a cargar os servizos públicos... No BNG estamos, e así o demostramos, con aqueles e aquelas que sofren a crise. Nós tamén somos pobo, e queremos o apoio da maioría social para cambiar as cousas.

- Cambiar as cousas desde Europa..

- Se o BNG está, Galiza está. Nós defendemos Galiza. E cando digo Galiza digo as clases populares, non ese 5% de ricos, que eses deféndense sós (risos). No Bloque deixámonos o corazón e a pel na defensa deste país. Tamén no Europarlamento, tanto agora como cando estaba Camilo Nogueira. Humildemente, creo que fixemos un traballo arduo e que demostramos que se pode facer política doutra forma.

- Aventura algún resultado para o 25M?

-(riso) É un día para nos facer valer como nación. Ánimo, e a votar.

Comentarios