Ana Miranda leva á Valedora Europea do Pobo o procedemento do Alvia

O procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra o Estado español, as causas do accidente o sdistintos aspectos do sinistro atópanse no punto de mira da Valedora Europea do Pobo, Emily O'Reilly. Así o expuxo esta terza feira, 2 de xullo, a eurodeputada do BNG Ana Miranda á saída dunha xuntanza con O'Reilly.

Miranda O´Reilly
photo_camera A Valedora Europea do Pobo Emily O'Reilly (esquerda) e a eurodeputada do BNG Ana Miranda. Foto: BNG.

“Quero valorar o grande interese e dispoñibilidade amosado pola Valedora a respecto do caso Alvia”, declarou Miranda, para quen “a esperanza de atopar a verdade e a xustiza para s vítimas segue estando en Europa”. E nunha investigación independente sobre o sinistro, engadiu, “que será a que determine as causas reais do accidente. A culpa do que aconteceu non é só do maquinista”.

A nacionalista afirmou que lle resulta máis doado acceder ás institucións europeas ca ás estatais. “O que non deixa en moi bo lugar nin ao Estado español nin ao ministro”, dixo.

Miranda expuxo a Emily O'Reilly que o BNG denunciou o Estado español por incumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria, o que provocou a apertura dun procedemento de infracción por parte da Comisión Europea. Foi en xaneiro deste ano. “O novo Goberno [do Estado] debe comezar por realizar unha investigación, tendo en conta a indefensión das vítimas do Alvia, que durante seis anos non contaron co apoio dos distintos executivos”, manifestou a eurodeputada, quen prometeu “seguir loitando porque se saiba a verdade” do sucedido aquel 24 de xullo de 2013 na curva de Angrois (Santiago de Compostela).

Comentarios