Ana Miranda faille os deberes á Xunta e pregunta á UE polo veto ao dique flotante de Ferrol

A eurodeputada do BNG quere saber se existe realmente un impedimento da UE para a construción desa infraestrutura, tal e como sinalou aínda recentemente Alfonso Rueda sen estabelecer ningunha comunicación formal coa Comisión Europea. 

mani naval dique flotante Ferrol
photo_camera [Imaxe de arquivo: SG]

A eurodeputada nacionalista Ana Miranda presentou unha iniciativa parlamentar perante a Comisión Europea "para facer a consulta formal que a Xunta tiña que ter feito hai meses" en relación ao dique flotante de Ferrol. A formación frontista pretende que o comisario de Competencia, Joaquín Almunia, informe de se existe "algún impedimento da UE" para a construción desta infraestrutura. 

O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, admitiu "sen rubor" que o Goberno galego non estabelecera contacto ningún coa Comisión Europea en defensa do dique "dando por boa a versión de que existe un veto da UE", queixouse Miranda nunha rolda de imprensa realizada esta segunda feira canda a responsábel comarcal do BNG en Ferrolterra, Mercedes Tobío, en que informou de que a iniciativa presentada perante a Eurocámara "formula dúas cuestións chave a Almunia".

Dunha banda, solicítase que a Comisión Europea sinale se existe algún impedimento na normativa comunitaria para as obras do dique flotante. Da outra, reclámase que a mesma institución se pronuncie sobre se esta infraestrutura pode considerarse unha axuda de Estado contraria á normativa comunitaria. Aliás, Miranda pediu tamén unha reunión co comisario da cal fará parte unha delegación de traballador@s de Navantia-Ferrol para que lle transmitan de primeira man a relevancia do proxecto para o estaleiro galego.

Sobre esta última cuestión pronunciouse Mercedes Tobío, quen criticou o desleixo dos distintos gobernos estatais con Ferrol ao manter o veto á construción civil até 2015 aínda despois do documento de resposta emitido pola Comisión Europea en 2005, cuxo artigo 17 sinalaba que a prohibición podería ser negociada de apareceren circunstancias excepcionais. "Que maior excepcionalidade que a crise que vive a comarca?", concluiu a nacionalista.

Comentarios