Ana Miranda exixe eficacia e transparencia á Xunta no no investimento de todos os fondos europeos

A portavoz do Bloque en Europa advirte da irresponsabilidade da Xunta se deixa sen gastar cartos europeos igual que fixo co Marco Financeiro Plurianual 2014-2020.

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda (Foto: Nós Diario)
photo_camera A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda (Foto: Nós Diario)

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insta o Goberno galego a aumentar a súa eficacia no investimento dos fondos europeos do novo Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 para dar resposta aos numerosos retos aos que debe enfrontarse Galiza. “Cos novos fondos non pode acontecer o que pasou co Marco Financeiro Plurianual anterior, que quedaron máis de 1.400 millóns de euros sen gastar, algo que o PP debería explicar”, manifestou ao respecto.

“Como é posíbel que o Goberno galego poida permitirse o luxo de deixar fondos europeos sen executar coas necesidades que ten q Galiza, con sectores produtivos moi tocados, como o mar-industria, a hostalaría ou os servizos, o desemprego da mocidade”, preguntouse a nacionalista.

“Sería unha tremenda irresponsabilidade por parte da Xunta que non investise até o último euro que vén de Bruxelas”, subliñou, demandando unha maior transparencia do Goberno galego, non só a respecto dos fondos estruturais, senón tamén na suposta selección de proxectos que poden optar aos fondos europeos.

Precisamente, a necesidade de mellora dos indicadores de seguimento do uso dos fondos europeos é unha recomendación feita en repetidas ocasións polo propio Consello de Contas, como no seu Informe de Fiscalización dos Fondos Europeos de 2018. A xuízo de Miranda, o Goberno galego “debería tomar a sero o cumprimento dos estándares europeos relacionados coa transparencia porque estamos nos peores índices, como algúns países da Europa do leste”.

Neste sentido, a portavoz do Bloque en Europa explicou que do período 2014-2020, a respeito dos fondos FEDER -que teñen como obxectivo a redución das diferenzas entre o rural galego e as zonas urbanas, así como axudar ao desenvolvemento das zonas afectadas pola transición industrial e as zonas cunha escasa densidade de poboación como é o caso do rural galego-, a finais de 2020 só estaban 78% comprometidos.

Capacidade de xestión

Dos fondos FEADER -que buscan fomentar a competitividade da agricultura, garantir a xestión sustentábeñ dos recursos naturais e a acción polo clima para lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego-, a finais de 2020 só estaba 70% comprometido. A respecto do FSE -que contribúe á cohesión económica, social e territorial, principalmente a través da mellora da taxa de emprego, e á a integración sociolaboral dos colectivos máis desfavorecidos, o aumento da formación, a diminución do fracaso escolar e a mellora do sector investigador-, a finais do ano pasado só estaba 38% gastado.

“Tendo en conta estes datos pomos en dúbida a fiabilidade e a capacidade de xestión do Goberno galego”, manifestou Miranda, criticando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, por “desaproveitar numerosas oportunidades para pór fin ao desequilibrio territorial das zonas rurais respecto das urbanas, visíbeis por exemplo nos problemas relacionados coa fenda dixital que existe en numerosas zonas do rural galego.

Miranda considera que a Xunta está “moi calada” cos Fondos React –adicionais aos fondos de cohesión que se aprobaron para combater os efectos da pandemia- e teme que os vaian desaproveitar. “A Xunta fala de 108 proxectos que poden mobilizar 9.400 millóns de euros como candidatos aos fondos Next Generation, pero non sabemos en función de que criterios foron seleccionados, nin se quedaron proxectos fóra, nin quen os seleccionou”, apuntou.

Comentarios