Ana Miranda critica Feixoo por non presentar unha proposta dos fondos europeos de reconstrución para Galiza

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, criticou que o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feixoo, acudise onte á Conferencia de Presidencias sen unha proposta concreta da contía dos fondos europeos de reconstrución que reclama para Galiza."Non exerceu de presidente", considera.
Ana Miranda, BNG
photo_camera Ana Miranda.

Feixoo acudiu ao encontro, a ollos de Miranda, "sen ter os deberes feitos". Nese sentido, a responsábel censura que tampouco presentase propostas dos proxectos que poden ser financiábeis con estes fondos.

A repartición dos 140.000 millóns de euros de Europa "é un tema suficientemente importante como para que Feixoo levase algunha proposta" para "facer valer os intereses galegos", apunta, lembrando que territorios como Catalunya ou València xa teñen un cálculo da cifra.

Para Miranda, "a máxima achega" de Feixoo foi pedir que se rebaixe o IVE/IVE das máscaras, algo que "pode estar ben, pero dista moito de ser o adecuado".

O presidente galego foi á reunión "para sentar a escoitar e a pedir que lle envíen documentación", entende Miranda, que cualifica de " sarcástico" que Feixoo resaltase que os fondos europeos deben "empregarse ben". "Na Galiza temos numerosos exemplos de fondos europeos mal utilizados baixo o seu mandato, como as numerosas depuradoras que non funcionan, o deficiente e mesmo inexistente saneamento de rías e ríos ou infraestruturas abandonadas", enumerou a representante da formación nacionalista, quen incidiu tamén na "reacción tardía" da UE para paliar as consecuencias da crise causada pola pandemia da Covid-19 e a "falta de solidariedade" cos pobos afectados.

Comentarios