Votaron dúas mil persoas

Amplo rexeitamento no seo de En Marea a apoiar un Goberno PSOE-Ciudadanos

En Marea deu a coñecer na mañá do sábado os resultados da consulta telemática para definir a súa posición dentro do grupo parlamentar de Podemos a respeito do acordo PSOE-Ciudadanos. Máis do 95% das persoas votantes rexeitaron apoiar un Goberno presidido por Pedro Sánchez e baseado no pacto con Ciudadanos.

en marea fernán vello gomez reino yolanda díaz

Os resultados da consulta amosan un rexeitamento amplo a un Goberno presidido por Pedro Sánchez baseado no acordo PSOE-Ciudadanos. E é que das 2.013 persoas que participaron na votación, 1.923 desbotaron esa posibilidade e tan só 90 a apoiaron.

A respeito de se o grupo parlamentar de Podemos, no que se insire En Marea, debe traballar para acadar Goberno de cambio con PSOE e outras forzas progresistas, houbo 1.745 votos a favor e 268 en contra.

Un 48% das persoas que integran o censo votou nesta consulta

A consulta, segundo informa En Marea nun comunicado, baseouse no censo que se elaborou en novembro de 2015 para a validación das candidaturas. Daquela o censo contaba con 3.475 persoas. En abril, reabriuse para ampliar a aquelas persoas que quixesen participar das consultas e agora abrangue un total de 4.140 persoas, das cales 2.013, o 48,6%, participaron na consulta.

A votación organizada por En Marea tivo lugar os días 21 e 22 de abril, após que as bases de Podemos decidiran que non apoiarían un Goberno PSOE-Ciudadanos. Para a coligazón, “o resultado da votación mostra un sentido claro sobre a posición que debe manter En Marea en relación ao Goberno do Estado. Mostra un rexeitamento nítido da opción de apoio a un goberno sobre o acordo PSOE-Ciudadanos, e unha vontade cun amplo apoio de cara a conformar un goberno de cambio, en colaboración con Podemos e En Comú, xunto ao PSOE e outras forzas progresistas”.

Comentarios