Análise

Amio, dez anos despois

Fanse esta sexta feira dez anos da XIII Asemblea Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no compostelán Mercado de Gando de Amio. O tempo transcorrido, ademais de cicatrizar algunhas feridas, achega perspectiva sobre un proceso onde a maioría da militancia do BNG viviu momentos, no político e persoal, difíciles. 
Plenario da XIII Asemblea Nacional do BNG, decorrida en xaneiro de 2012 no Mercado de Amio, en Santiago (Foto: Nós Diario).
photo_camera Plenario da XIII Asemblea Nacional do BNG, decorrida en xaneiro de 2012 no Mercado de Amio, en Santiago (Foto: Nós Diario).

Non existe unha lectura única do acontecido naquela asemblea. Lexitimamente, cadaquén ten a súa propia. Desde o meu punto de vista, coido que todos e todas cometemos erros e é posíbel que, de poder volver cara a atrás, ninguén actuaría exactamente igual. Porén, tamén teño a firme convicción de que o que aconteceu en Amio foi inevitábel e que alí, colectivamente, o BNG escolleu o camiño máis acaído para ser un proxecto útil para o pobo galego.

A tensión de fondo que precedeu toda aquela asemblea non era sostíbel no tempo. Non se trataba -no fundamental- dun problema de persoas ou partidos. Tampouco de táctica política. Existía unha diverxencia ideolóxica de calado, non sempre explicitada, mais si sempre presente e que se acabaría concretando, tempo despois, no nacemento de novas organizacións políticas con principios ideolóxicos e práctica política diferentes ao defendido historicamente polo nacionalismo galego.

Un dos principais debates de fondo, non era un novo. Con matices, é un debate recorrente na historia do nacionalismo galego. Púñase en cuestión un dos elementos centrais e basilares do ideario político do nacionalismo galego desde as Irmandades da Fala e o Partido Galeguista até os nosos días: a autorganización do pobo galego.

Algúns opinaban que este país “por si só, non é capaz” e como o nacionalismo galego tiña un apoio electoral pequeno e existe pouca conciencia nacional, a única solución factíbel para unha nación como a nosa pasaba por unha alianza estratéxica do nacionalismo galego coa esquerda española.

Esa premisa choca coa experiencia histórica: ningunha nación do mundo, en ningún momento histórico, acadou a súa soberanía sen contar con forzas propias que a reclamasen, exercitasen e antepuxesen a calquera outro obxectivo. É así porque ningún Estado que oprime está disposto a ceder voluntariamente unha posición de dominio e privilexio. Hai que obrigalo. E a autorganización do pobo oprimido convértese na única ferramenta real para facelo. No terreo práctico, a autorganización tense configurado como un prerrequisito para a conquista da soberanía. Polo tanto, un movemento de liberación nacional, se é real, nunca pivotará en organizacións que asuman como propio o Estado que os oprime por moi de “esquerdas” que estas supostamente o sexan.

Ningún movemento de liberación nacional naceu nin venceu, co permiso da nación que o somete nin -na maioría dos casos- coa complicidade da esquerda desa nación, nin das súas sucursais. O galego non era (nin é) unha excepción. O tempo demostraría que tras unha retórica “rupturista” e “plurinacional” na “nova” esquerda española só había unha práctica continuísta e centralista.

A autorganización non é un elemento máis do noso ideario e práctica política. É a súa columna vertebral. Ou hai autorganización ou hai sucursalismo. No medio, non hai nada. E contribuír, por activa ou pasiva, voluntaria ou involuntariamente a invisibilizar o problema nacional galego, é axudar a perpetualo.

A historia non é lineal. Nin a dos pobos nin a das organizacións políticas. Hai altos e baixos; avances e retrocesos. En determinados contextos históricos, pódense producir profundas involucións ou deterioros que poden durar décadas. Noutros, existen procesos de aceleración histórica, onde o que, pouco antes, parecía imposíbel, pasa a estar ao alcance da man. 

O nacionalismo galego demostrou capacidade de resistencia nas condicións máis adversas e debe saber aproveitar as conxunturas máis favorábeis. Hoxe o nacionalismo galego está moito mellor que hai unha década: un BNG cohesionado e reforzado organicamente, lidera a oposición no Parlamento de Galiza, a CIG é a primeira central sindical do país e existe un movemento asociativo de base en ámbitos como o cultural e lingüístico importante. Porén, aínda que a travesía no deserto rematou, non rematou a viaxe. Quédanos o máis importante por conseguir, e a iso, volveremos estar convocados todos e todas as patriotas desta nación.

Comentarios