UXíO BENíTEZ

“Que te ameacen non é agradábel. Mais non me amedrentan”

Falamos co deputado responsábel de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, ao que, para alén de pintadas insultantes e ameazantes, depositaron unha coroa mortuaria cunha cinta que puña: "Uxío, non te deixaremos en paz". El afirma que detrás de todo isto hai un conflito alentado polo PP.

uxio benitez
photo_camera Imaxe: Pontevedraviva

- Que se sinte cando a un lle deixan no seu concello unha coroa funeraria adicada cunha cinta que pon 'Uxío, non te deixaremos en paz'?

- Non é a primeira ameaza que recibo [ameazas], xa me ameazaron de morte cando era concelleiro do BNG en Tomiño. Agora, o da coroa... pois non é agradábel. O que máis me preocupou foi a miña familia, o que podían sentir e pensar ao enterarse. A min, desde logo, con ameazas non me amedrentan. Denunciei os feitos perante a Garda Civil, máis que nada pola ameaza da cinta (“Uxío non te deixaremos en paz”), polo que poida pasar. A Policía local elaborou un informe que xa remitiu á Subdelegación do goberno.

- Antes desta coroa houbo pintadas, non é?

- Hai un mes apareceron pintadas en Pontevedra contra César Mosquera (vicepresidente da Deputación, tamén do BNG). Así que xa imaxinaba que dun momento a outro aparecerían pintadas contra min, como foi o caso agora. Mais o da coroa, iso si que non o esperaba. Agora ben, quero destacar unha cousa. Isto pasou despois de que, hai un mes, o representante sindical de Comisións dixera, preguntado sobre as pintadas contra Mosquera, que eran liberdade de expresión e mesmo advertiu que “van a pasar cosas muy graves”.

- Mais de onde vén todo isto, como se chega a este punto?

- Está relacionado co parque de mobilidade, que non existe como servizo mais como ubicación física e conta con 35 traballadores. Agora dependen administrativamente do servizo de Mobilidade [antes, Infraestruturas]. Na época do PP, con Rafael Louzán como presidente da Deputación, estes traballadores funcionaban, por dicilo así, de forma autónoma, por libre, sen adscripción a un servizo. A primeira vez que, como deputado de Mobilidade, vou alí e me reúno con eles, dinme que o parque dependía directamente do gabinete de Louzán. Era unha brigada ao servizo de Louzán e do seu xefe de gabinete, que en base a criterios partidistas decidían a onde mandaban traballar as máquinas, moitas veces para cuestións que non correspondían. Houbo un dispendio de fondos públicos para facer tarefas que non competen á Deputación.

bng caciques

- Houbo cambio no goberno da Deputación e, entendo, decidiron cambiar iso.

- Nós chegamos e dixemos 'Isto acabou', este parque pasa a depender do servizo de Mobilidade e vaise adicar a coidar e arranxar os 1.700 quilómetros de estradas provinciais, que boa falta fai. Entón o PP comezou a súa campaña, en connivencia co responsábel sindical de CCOO, dicindo que o parque estaba parado.

- De aí vén un conflito tan grave?

- Estes 35 traballadores tiñan un privilexio que non tiñan os empregados da Deputación, un privilexio, por dicilo así, espúreo. Podían cobrar pernoctas sen presentar xustificación. Calculamos que algúns obtiveron así entre 9.000 e 12.000 euros anuais, uns cartos que ademais non tributan ao IRPF. Nós, ao enterarnos, paralizamos os pagamentos de inmediato. Acúsannos de querer acabar coas dietas. Non, que presenten xustificante, como calquera outro. Ademais, pasamos estes traballadores a un horario de xornada continua, como o resto de funcionarios da Deputación.

- Acusades o PP de ser responsábel do que está a contecer

- Todo comezou cando o PP foi ao parque en febreiro a facer denuncias que non son verdade. Estes traballadores eran uns privilexiados dentro da Deputación, iso non se pode permitir. Unha parte importante son de Ribadumia, un concello que apenas é o 0,05% da poboación da provincia. mais é o concello de Rafael Louzán. O resto de empregados provinciais transmítennos o seu apoio e solidariedade. Tamén teño que dicir que nas relacións como deputado provincial con alcaldes do PP da provincia non hai problemas, os problemas son algo que quere o PP provincial, dirixido por Alfonso Rueda. 

Comentarios