O Alvia, as rías e o Brexit, eixes do traballo do BNG na Eurocámara

Tres liñas concretas de traballo centrarán a acción do BNG no Parlamento europeo: a depuración de responsabilidades do caso Alvia, o saneamento das rías e as consecuencias do Brexit para Galiza. Así o expuxo esta sexta feira a portavoz da organización en Europa, Ana Miranda, acompañada da líder nacional, Ana Pontón.
almorzo informativo Pontón Miranda
photo_camera Ana Miranda (esquerda) e Ana Pontón expoñen este 13 de setembro as liñas de traballo do BNG na Eurocámara. Foto: BNG.

Ambas as dúas subliñaron que o Bloque “seguirá a ser a voz de Galiza en Europa e o defensor dos intereses do pobo galego”. “Os feitos aválannos”, sinalou Ana Pontón, quen puxo como exemplo o labor político das nacionalistas a prol do sector pesqueiro e a frota artesanal, excluída das prohibicións na normativa europea no que respecta á arte do xeito.

Foi Miranda quen enumerou máis polo miúdo os eixos do período 2019-2024 na Eurocámara. “Esiximos que Bruxelas siga adiante co procedemento de infracción no caso Alvia”, afirmou. En novembro remata o prazo dado pola Comisión Europea  antes de dar traslado o caso ao Tribunal Europeo de Xustiza. “Traballamos para que algún día se saiban as causas do accidente e que os que fixeron as cousas mal o paguen”, dixo, pola súa banda, Pontón.

O BNG xa se reuniu coa Defensora Europea do Pobo e volverá facelo para expresarlle a necesidade de que “o Estado español realice unha investigación independente” sobre a catástrofe ferroviaria do 24 de xullo de 2013. “É máis doado manter un encontro con ela que cun ministro do Estado español como Ábalos, lamentabelmente”, asegurou Miranda.

O saneamento integral das rías galegas será outro dos obxectivos da fronte nas institucións europeas. “Estaremos vixiantes para que os fondos europeos non se perdan e teñan unha axeitada execución. Non é normal que haxa depuradoras que non funcionan ou que os fondos non se soliciten”, sinalou. Ademais, falou de que levará a Bruxelas “as necesidades da pesca e o marisqueo, da agricultura, da gandaría, da horta, para que Galiza non perda a súa capacidade produtiva”.

O reparto de fondos comunitarios debe, ao seu xuízo, ser “un instrumento para axudar a combater o problema demográfico e a emigración”.

As consecuencias da cada vez máis segura saída do Reino Unido da Unión Europea conforman o terceiro punto do plan de Miranda para o seu traballo no Parlamento europeo. “Se hai Brexit duro tócanos estar máis vixiantes no que se refire á libre circulación dos 40.000 galegos e galegas desprazados ao Reino Unido e aos sectores produtivos, en particular o pesqueiro e o téxtil”, dixo. A loita contra o cambio climático, a defensa dos valores democráticos, a pelexa pola igualdade e contra a violencia machista, o racismo e a xenofobia tamén “seguirán marcando o traballo do BNG no Parlamento europeo de forma transversal”

Comentarios