venres 07/08/20

O alto número de indecisas deixa no ar a vitoria do PP que prognostica o CIS

PSdeG e BNG desputan ser a segunda forza galega
(Nós Diario)
(Nós Diario)

Núñez Feixoo tería maioría absoluta segundo o novo CIS. Porén, o alto número de votante indeciso (31,6%) pon os marcadores a cero. As galegas e galegos só aproban Feixoo (cunha nota de 5,92) e a líder do BNG, Ana Pontón (5,13). O candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, suspende (4,86) así como o de Galicia en Común, Gómez-Reino (3,88).

O Partido Popular conseguiría unha nova maioría absoluta (situada en 38 escanos) segundo o barómetro que esta cuarta feira, 24 de xuño, publicou o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) con motivo da cita electoral do 12-X. Hai catro anos o PP tivo 41 escanos e agora estaría entre 39 e 42. Este é o resultado que o CIS estimou para o PP ao mediodía desta cuarta feira. Unhas horas antes cifrara o resultado do PP en 40-42.  A estimación de escanos dá entre 16 e 18 para o PSdeG (en 2016 lograra 14), seguido de perto polo BNG, con 12-14 actas (fronte ás 6 que ten), e Galicia en Común ficaría con 4-6 fronte aos 14 que hai catro anos obtivera En Marea, a coalición coa que Podemos, Anova e Esquerda Unida concorreron ao Parlamento. Marea Galeguista, Vox e Ciudadanos non conseguirían representación. 

En porcentaxe de voto, o PP acadaría 46%, mentres que PSdeG obtería 19,5%, o BNG 16,8%  e Galicia en Común 7,2%. Marea Galeguista tería 2,9%, Cs 2,2% e Vox quedaría en 1,4%.

A oposición adianta o PP en voto máis simpatía

Á pregunta sobre que partido ou coalición pensa votar o 12 de xullo, a resposta espontánea amosa que o PP sería a opción escollida por 26,3% do electorado. O BNG sería segunda forza, sendo apoiada por 10,4, seguido do PSdeG con 10,2 e de Galicia en Común, tan só con 3% de intención de voto. 

O estudo preelectoral do CIS amosa un resultado preocupante para o PP de cara ás urnas e deixa un escenario aberto, pois o partido de Alberto Núñez Feixoo lograría 32,8 puntos en voto máis simpatía, fronte a 36,4 que suman PSdeG (17,2), BNG (14,6) e Galicia en Común (4,6). 

O BNG gaña 32% do votante do espazo da Marea

Só 32% do votante de En Marea apostaría agora por Galicia en Común. Así, o BNG absorbería a ese espazo até 31% do seu votante, e 12% iría para o PSdeG. O PP gaña en fidelidade de voto. Até 86% de quen optou pola papeleta popular en 2016 volvería agora apoiar Alberto Núñez Feixoo. O Bloque retén 72% do votante de hai catro anos e o Partido Socialista 63%. 

O gran número de electorado indeciso deixa o escenario aberto 

Até 31,6 % da poboación enquisada polo CIS non sabe aínda que papeleta escollerá os 12 de xullo, o cal deixa un volume de votante indeciso moi elevado e, por tanto, un escenario moi aberto. 4,2 % da poboación xa tería tomada a decisión de non votar, mentres que 1,4% apostaría por facelo en branco. 

O universo da enquisa foi de 3.398 persoas residentes na Galiza e con dereito a voto o 12 X. Delas, 1.124 pertencen á circunscrición da Coruña, 655 á de Lugo, 598 á de Ourense e 1.021 á de Pontevedra. 

comentarios