Francisco García, alcalde

"Allariz é unha bandeira para o nacionalismo"

Francisco García (Allariz, 1959) anunciou que daba un paso ao lado e entrega o relevo a Cristina Cid, até agora concelleira de Promoción Económica, após 18 anos como alcalde. Unha decisión que para nada supón, aclara, desligarse do seu compromiso para coa súa vila e co seu país. “O mellor do modelo Allariz é esa aposta nun modelo endóxeno e de posta en valor dos nosos propios recursos e potencialidades”, enfatiza.

2013012513014850931

En 2015 xa anunciara que este ía ser o seu último mandato. Cumpre agora o seu compromiso -a un ano da nova cita eleitoral- e Francisco García entrega o relevo a Cristina Cid, concelleira de Promoción Económica. “O meu compromiso con Allariz continúa intacto”, aclara, ao tempo que defende o paso dado: “É o coherente. É tempo de renovación”. Rexedor desde 2000, e facendo parte da corporación municipal desde 1983, García non concibe falar do proxecto que levan tres décadas impulsando en Allariz sen falar de Galiza, da necesidade para o país de acreditar nas súas propias forzas, na súa xente, capacidade e recursos. Porque esa foi, aclara, a receita do Modelo Allariz, recoñecido mesmo alén do Padornelo.

Deixa a alcaldía de Allariz após 18 anos no cargo. Unha decisión difícil?
 

Sempre é difícil deixar unha responsabilidade mais eu xa tiña decidido que este ía ser o meu derradeiro mandato, era unha decisión que tiña ben meditada. A miña traxectoria no concello ten sido moi ampla, desde o ano 1983 exercendo en diferentes responsabilidades: na oposición municipal, como tenente-alcalde, e finalmente como alcalde desde 2000. Esta traxectoria tiña que dar paso a outra, tiña que haber un relevo. Por fortuna hai equipo e goberno, un equipo que ten outros referentes que poden asumir responsabilidades como a alcaldía e continuar co impulso, e ademais ese relevo é unha muller, Cristina Cid, que era concelleira de Promoción Económica. Unha persoa con capacidade, experiencia e paixón por Allariz.

Xa advertiu que iso non supoñía desligarse do proxecto político que goberna en Allariz.


Desde logo, a miña militancia no BNG e nos órganos nos que estou integrado e o meu apoio ao grupo municipal vai ser activo. Nese sentido, quixemos garantir un relevo que teña perspectivas de futuro, que traballe e se implique por Allariz, pola bandeira que Allariz é como referente para o nacionalismo galego, tamén como modelo de traballo municipal. Tiñamos a necesidade de atinar no relevo e sinceramente creo que o facemos, sen ningunha dúbida. O labor municipal en Allariz é algo que transcende Paco García, é unha obra colectiva. 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 300 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios