Allariz cobrará o IBI á igrexa após a sentenza favorábel do Xulgado de Ourense

A xustiza dá a razón ao Concello de Allariz e obriga á igrexa a tributar o IBI por aquel patrimonio que fica fóra do acordo co Concordato.
Francisco García
photo_camera Francisco García

O Xulgado do Contencioso administrativo nº2 de Ourense fallaba esta quinta feira a favor do Concello de Allariz a respecto do pagamento do IBI por parte da igrexa católica. A equipa municipal liderada polo nacionalista Francisco García, poderá cobrar o correspondente imposto a aqueles bens propiedade da igrexa que fican fóra dos supostos recollidos polo Concordato.

O alcalde alaricán amosouse "moi satisfeito" en declaracións a este medio, e asegurou que a sentenza do xulgado "avala a legalidade da actuación" levada a cabo polo Concello. "A igrexa debe pagar relixiosamente", ironizou García. E nunca mellor dito, o bispado deberá aboar a contía reclamada pola administración local por aquelas propiedades "iguais que as de calquera veciño", asegurou o rexedor.

 "A igrexa debe pagar relixiosamente"

O pleito entre o Concello e o bispado viña de lonxe. Após unha primeira reclamación do Imposto de Bens Inmóbeis (IBI), as autoridades relixiosas negáronse a pagar os recibos reclamados argüíndo que estes estaban suxeitos a unha exención alicerzada no devandito Concordato e na súa natureza de "entidade sen ánimo de lucro". Así pois, o bispado acudiu á Xunta de Goberno local e recorreu o cobro. Porén, tanto a Xunta coma agora a propia xustiza, fallaron a favor do Concello e "reafirmaron a seguridade xurídica existente na actuación" da equipa municipal.

"Para nós non é tanto unha cuestión económica como de igualdade de trato"

"É de xustiza"

"Para nós non é tanto unha cuestión económica como de igualdade de trato", aseverou Francisco García quen salienta a importancia de que todas as persoas que toman parte do Concello tributen por igual, sen excepcións. "A igrexa non debería ter ningún trato de favor" e, neste senso, salienta o rexedor alaricán a sentenza "corrobora a súa obriga de pagar". Aliás, a decisión adoptada polo Xulgado nº2 non é recorríbel e mesmo podería sentar precedentes.

Segundo afirma García, após coñecer o fallo da xustiza permitiría á administración local "ampliar o abano de propiedades non suxeitas á exención fiscal" e mesmo podería facer extensíbel esta realidade á doutros concellos do país. Neste senso, a propia xustiza empraza a unificar criterios e xurisprudencia, se ben é certo --aseguran fontes do Concello de Allariz-- que este ditame é "dous poucos ou cando menos a primeira sentenza coñecida, que non lle dá a razón á igrexa".

Comentarios