A alianza das dereitas impide aprobar o plan único na Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense seguirá a ser a única sen un plan único de financiamento. A alianza dos tres grupos de dereita -o voto en contra de PP e Democracia Ourensana, que comparten Goberno provincial, e a abstención de Ciudadanos- impediu a homologación do ente cos outros tres e transitar, así, cara un reparto de fondos entre concellos máis obxectivo.
José Luís Baltar
photo_camera O presidente da Deputación de Ourense José Luís Baltar. Foto: Xunta.

“Non podemos seguir coa dicrecionalidade actual”, afirmou o portavoz do BNG Bernardo Varela. Desde o Partido Socialista, Rafael Rodríguez Villarino, resumiu a situación: “Cómpre atender ás necesidades de todos os concellos ourensáns en base a uns mesmos dereitos”. PSdeG e Bloque foron os autores da moción que esixía cambiar o sistema de financiamento.

Pero as dereitas negáronse. Ciudadanos escusouse nun suposto desacordo coas “formas e o tempos” da iniciativa de socialistas e nacionalistas, aínda que, por boca da súa portavoz Montserrat Lama, asegurou estar de acordo na filosofía da proposta.

PP -o partido do presidente da Deputación Manuel Baltar- e Democracia Ourensana gobernan en pacto a institución. Non entraron a debater o fondo da cuestión e, no caso dos populares, argumentaron que o paso a un plan único de financiamento -baseado en criterios obxectivos de reparto- sería “un gran prexuízo para algúns concellos”.

Democracia Ourensana, o partido que logo de anos de brutal enfrontamento a Baltar acordou gobernar con el a Deputación a cambio de que o PP apoiase a Gonzalo Pérez Jácome como alcalde de Ourense, tamén saíu en defensa dun status quo en que, segundo denuncia reiteradamente a oposición, reina a arbitrariedade.

Comentarios