Algún día veremos os referentes do nacionalismo galego en prime time?

Hai dúas campañas. A que se libra cos formatos tradicionais -colaxe de cartaces, mitins...- e a que ten como cenario os platós de televisión en prime time. Esta última é a que, inquéritos cantan, condiciona en maior medida a opinión pública, tanto que en apenas 3 ou 4 meses unha formación política inédita pode virar na campioa das sondaxes.

Errejón
photo_camera Captura pantalla de Youtube


Vímolo este sábado á noite. O lampiño ideólogo de Podemos Íñigo Errejón compareceu por enésima vez en LaSextaNoche, show televisivo de indubidábel impacto, a política como espectáculo, e non desprecemos o espectáculo, fai parte da condición humana, e non desprecemos o dominio das técnicas a el asociado, sen elas a política moderna -outra cousa é que, como ao fútebol moderno, podamos profesar odio eterno á política moderna-, sen elas a política moderna, dicía, non é nen sequer concebíbel. Errejón en LaSextaNoche a sexta feira e o seu chefe de filas Pablo Iglesias o domingo, en 4, con Pepa Bueno, a herdeira de Risto Meijide, puro showman, partillando sofá e horario de máxima audiencia coa súa contraparte, Albert Rivera, o reverso tenebroso, criaturas do mesmo meio, tal para cual.

Esta liga, a dos platós televisivos, acaba sendo a decisiva en termos de rendibilidade eleitoral, de sumatorio de votos, non nos enganemos, de acordo coa vella máxima de que o que non sae na televisión directamente non existe. Eu non ando nas leiras universitarias, mais o aparecimento de Podemos/Ciudadanos dá para máis unha tese de doutoramento sobre como se pode alicerzar lideranzas políticas a partir da sobre-exposición aos meios, que son máis que a mensaxe, benquerido McLuhan, hoxe son o poder absoluto.

Sen poder político

Vén este exordio a conto porque sen a liga dos platós televisivos dificilmente poderiamos entender o novo reparto do poder político no conxunto do Estado e nas nacións que nel se conteñen e que continúan, ai!, a careceren de poder político: Galiza, Euskal Herria, Catalunya.

 O nacionalismo non interesa. Galiza como país tampouco. A democracia mediática española ten os seus favoritos

Ollemos cara Barcelona, capital de Catalunya, por pormos o exemplo dun país que ten un nível de concienciación nacional assaz alto. Se vemos o inquérito recente do CIS, advertiremos que a esquerda independentista (a suma de ERC e CUP) apenas alcanza o 17%, superada por outra estrela mediática, Ada Colau, cuxo activismo entre evoles, ristosmeijides e anapastores ninguén pode pór en dúbida. Quen dispón de máis ración de prime time, parte cunha considerábel prima no combate eleitoral, amigas e amigos, a desigualdade no acceso aos platós entre as distintas forzas no taboleiro é tan brutal como a que rexe o reparto dos dereitos televisivos do futebol.

Quen son basicamente os paganos da situación? Invariabelmente os referentes do nacionalismo, a ideoloxía que verdadeiramente incomoda o establishment. E se teñen algunha dúbida a ese respeito, fáganse a seguinte pergunta: que fin de semana eleitoral poderán ver en prime time, en días sucesivos, a Jorquera ou a Vence?? A resposta é nunca. O nacionalismo non interesa. Galiza como país tampouco. A democracia mediática española ten os seus favoritos. Aturan mal Catalunya. Criminalizan Euskadi (este día aínda saíu Pedro Sánchez coa matraca de que están dispostos a pactar con calquera, agás con Bildu). E Galiza?? Con Galiza fan como se non existise. A Galiza bórrana do mapa. Terra conquistada a papar prime time españolizado.

Comentarios